A partir do luns, día 28 de outubro, os veciños e veciñas poderán inscribirse para recibir a chave do contedor
O propio luns mandarase polas diferentes canles de comunicación do Concello un formulario no que veciños e veciñas poderán inscribirse para facer uso do novo sistema. Urbaser será a empresa encargada de xestionalo.
Os contedores marróns levan xa un ano en funcionamento para a hostalería da localidade, e a partir de agora poderán ser empregados tamén polo resto da veciñanza.
Nos días seguintes citarase ás persoas que se apunten no formulario para facerlles entrega das chaves necesarias para empregar o contedor. Tamén se informará da súa ubicación e normas de uso.
“O noso obxectivo é seguir apostando pola reciclaxe, o medio ambiente e a sustentabilidade tanto ecolóxica como económica”, sinala o concelleiro de Benestar Comunitario, Ramiro Fernández Rey.
O edil destaca que se trata “dun sistema moi importante, xa que os residuos organicos supoñen arredor dun 30% do total de lixo que se xera cada día”.
“Levamos xa arredor dun ano con este sistema en funcionamento para a hostelería e estamos moi contentos co resultado, polo que agora damos un paso máis para abrilo á veciñanza”, explica Fernández Rey.
“Pedimos á xente que queira colaborar que cumpra coas indicacións de uso que se darán dende a aula Gaia, para que non se depositen materiais impropios no contedor”, subliña o concelleiro.
“Animamos a toda a veciñanza a participar desta iniciativa, que nun futuro será previsiblemente obrigatoria para todo o mundo”, concluíu.