O 25º Salón Internacional de Turismo Gastronómico comezará mañá, xoves 24 de outubro, e se desenvolverá ata o domingo 25 en Ourense
Burela, 23 de outubro de 2024. O Concello de Burela participará na feira internacional de turismo gastronómico Xantar, que terá lugar no recinto feiral ourensán Expourense.
Este evento, ao que o Concello leva xa asistindo moitos anos, comezará mañá, xoves 24 de outubro, e rematará o domingo, día 27. Celebrará en Ourense a súa edición número 25.
A fundación Expomar terá tamén presencia no posto do Concello de Burela na feira, no que se promocionará tanto a feira Expomar como a feira Produart do vindeiro ano 2025, organizadas conxuntamente por ambas entidades.
O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, sinala que “esta feira resulta moi atractiva para dar a coñecer Burela e todos os seus encantos tanto culinarios como turísticos en xeral”.
“Será unha grande oportunidade para promover Burela como destino turístico no interior de Galicia, neste caso en Ourense, onde hai un público obxectivo que pode sentirse atraído polas nosas temperaturas suaves en verán e a nosa gastronomía”, explica.
O sábado 26 de outubro será o día dedicado a Burela dentro da feira, e contará coa participación do concelleiro xunto a un grupo numeroso de veciños e veciñas de Burela. Alí participarán dunha degustación de bonito de Burela, un dos produtos estrela da localidade.