Burela, 28 de outubro de 2024. Burela acolle durante o luns 28 e martes 29 de outubro unha nova edición da “Interfederativa de Confrarías de Pescadores do Cantábrico-Noroeste”, un evento que impulsa desde hai anos a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e na que participan representantes das Federacións de Confrarías de Guipúzkoa, Bizkaia, Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e Pontevedra, así como a Federación Galega de Confrarías.
Baixo o título ‘Reflexions sobre a pesca artesanal: sostible, rentable e con futuro’, o evento serve un ano máis como foro de debate acerca de diferentes temas de interese para a frota de pequena escala.
Abriu a xornada o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, tamén presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo, José Basilio Otero, que, antes de dar paso aos temas do día aproveitou para celebrar que neste último ano dúas das Confrarías de Pescadores de Lugo, a de Burela e a de Celeiro, cumpriron ose seus 100 anos de historia.
Durante a tarde do luns os representantes dos pósitos galegos, asturianos, cántabros e vascos abordan diferentes temas de interese e preocupación común para as confrarías de pescadores do Cantábrico-Noroeste, tomando como punto de partida as conclusións da última Interfederativa, que se celebrou en Ribadeo hai un ano.
O Congreso, que ten lugar no Hotel Nordés de Burela, pecharáse na mañá do martes cunha xornada de traballo conxunta entre representantes das Confrarías e das Administracións pesqueiras de España e as Comunidades Autónomas do Cantábrico. Esta sesión contará coa asistencia da secretaria xeral de pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime García; e na mesma, como é habitual, o sector exporá á Administración as principais conclusións derivadas do traballo do luns.
Ademais da secretaria xeral de pesca, á xornada do martes asistirán tamén outros representantes das administracións central e autonómicas, como o director xeral de Pesca Sostenible, Ramón de la Figuera Morales; a directora xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Mª Aurora de Blas Carbonero; o subdirector xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Pedro Ribeiro Domínguez; o director xeral de Pesca Marítima do Principado de Asturias, Francisco González Rodríguez; o director de Pesca e Alimentación de Cantabria, Paulino San Emeterio; e o director de Pesca e Acuicultura do País Vasco, Leandro Azcue Múgica.
Tamén estarán presentes o director xeral de Marina Mercante, Gustavo Santana Hernández, e a subdirectora adxunta de Seguridade, Contaminación e Inspección Marítima, Ángela Pazó dos Santos.
Xa no acto de clausura e conclusións do congreso, que estará aberto á prensa e que, seguindo o mesmo formato de anos anteriores, celebrarase a partir das 12:30h, uniranse representantes municipais de Burela e das organizacións de pesca da provincia, como Armadores de Burela, Porto de Celeiro, OPP-7 do Porto de Burela e OPP-77; ademais de outras entidades pesqueiras e económicas de ámbito local.