Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro insta en Viveiro á Xunta a negociar a transferencia aos concellos dos terreos portuarios sen uso, e denuncia o abuso de seguir cobrando por eles

“Son terreos que si poden e deben ser usados polos concellos para compretar as súas mallas urbanas e para darlles utilidade creando servizos para a veciñanza”, asegurou

Viveiro, 18 de outubro de 2024. “É o momento para que a comisión mixta entre Xunta e Estado trate a devolución aos concellos dos terreos portuarios que xa non están sendo utilizados para esas actividades”. Así se manifestou hoxe en Viveiro o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, xunto a alcaldes da Mariña e parlamentarios sobre un problema que, asegurou, arrastra “anos de incumprimentos” por parte da Administración autonómica.

Cando os gobernos galego e central están a tratar as transferencias en materia de litoral, o líder socialista ve unha oportunidade para para elevar a ese foro unha reivindicación que en Galicia atinxe a unha trintena de municipios, cunha superficie afectada que supera, en total, máis de 500.000 metros cadrados. Son terreos “que si poden e deben ser usados polos concellos para compretar as súas mallas urbanas e para darlles utilidade creando servizos para a veciñanza”, afirmou.

“Esa comisión mixta é o marco adecuado para resolver dunha vez por todas esa devolución que leva anos reivindicando o mundo municipal”, insistiu Besteiro, que avanzou que o PSdeG se dirixirá tanto á Xunta coma ao Estado para que inclúan este asunto nas negociacións. Apuntou tamén que nas próximas datas os socialistas impulsarán esta iniciativa nos diferentes concellos aos que atangue o problema, así como no Parlamento galego.

Xunto a Besteiro compareceron as alcaldesas de Viveiro e Burela, o alcalde de Foz, o senador César Mogo, a deputada Patricia Otero, a deputada provincial e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, e o segundo tenente de alcalde viveirense, Jesús Fernández.

María Loureiro destacou a necesidade de poder xestionar dende o Concello terreos totalmente abandonados, por exemplo, o do antigo Casino, “para poder humanizalos e darlles servizos aos veciños e veciñas”, algo no que coincidiu Carmela López ao sinalar que “é importante para darlles valor” ás superficies portuarias sen uso. Francisco Cajoto, pola súa banda, denunciou que a Xunta “está incumprindo a lei e o compromiso que adquiriu coa Fegamp no ano 2021”, e lembrou que Foz está a pagar 81.000 euros ao ano por usar terreos portuarios para diferentes actividades.

Segundo detallaron os rexedores, no caso de Viveiro, a superficie nesa situación suma 25.000 metros cadrados, mentres que en Burela son 500 e en Foz 65.000.

O cobro de taxas é precisamente un dos problemas que denuncian os concellos. Portos segue obtendo ingresos pola cesión dos seus terreos, moitas veces cun importe desproporcionado que non só aboan as administracións locais, senón que tamén o fan entidades deportivas ou culturais, pero non asume nin o mantemento nin a limpeza. A iso engádese un uso partidista, denuncian os socialistas, xa que a Xunta fai claras distincións entre o que lles permite desenvolver nesas superficies a concellos de diferente cor política. Así, son habituais os retrasos e dificultades cando algúns alcaldes solicitan autorizacións para realizar actividades ou para o desenvolvemento de proxectos.

O Parlamento aprobou no 2020 unha iniciativa para avanzar na devolución dos terreos portuarios aos concellos. O PP votou a favor de varias propostas, pero ese apoio non se traduciu nun cumprimento real por parte da Xunta.

Exit mobile version