Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros estuda nunha comisión municipal as actuacións na contorna da praia de San Bartolo

Barreiros, 23 de outubro de 2024. O Concello de Barreiros segue avanzando no estudo de alternativas para o entorno da Praia de San Bartolo. No día de onte, tivo lugar unha xuntanza da comisión creada polo Pleno, con representación dos tres grupos políticos, para recibir a información por parte do Servizo Provincial de Costas.

Na sesión, que se prolongou por máis de dúas horas, o xefe provincial do servizo explicou a situación existente, fixo referencia a outras similares e abriu un abano de posibilidades de actuación en base á experiencia previa similar noutros puntos da costa.

A alcaldesa, Ana Ermida, facía un resumo das posibilidades en dúas: “debemos avaliar se reabrir os accesos, cun mero arranxo dos mesmos, baseándonos nunha prohibición de achegarse aos cantís na ordenanza municipal ou solicitar un estudo xeotécnico completo e rigoroso da zona para ver a estabilidade do cantil e determinar as actuacións a levar a cabo que poden concluír no retranqueo do propio paseo marítimo”.

A rexedora, incidiu na idea que leva trasladando desde o inicio desta situación: “a día de hoxe o único xeito de garantir a seguridade na praia é non permitindo o acceso á mesma, especialmente, en marea alta, cando o espazo que queda é unicamente o de debaixo dos cantís”.

Na reunión de onte tamén quedaron descartadas tecnicamente outras posibilidades trasladadas polo portavoz da oposición, como o enchido dos buratos creados polo mar con formigón ou outros materiais.

Coa información trasladada onte, os representantes municipais dos tres partidos volverán reunirse o vindeiro luns pola tarde, a efectos de deliberar por se existe unha decisión consensuada. En calquera caso, a rexedora ofreceu á oposición a posibilidade de propor o convite a persoas expertas que poidan aportar información ou coñecementos adicionais aos recibidos onte, co fin de “facernos unha composición da situación o máis real e obxectiva posible de cara a fundamentar as decisións que tomemos”.

A comisión está conformada pola propia alcaldesa; o concelleiro de media ambiente, Dámaso Ratoeira Basanta; a concelleira do PSOE, Carmen Veiga Rodríguez, e os concelleiros populares, José Manuel Gómez Puente e María Ramona García de Gabriel.

Exit mobile version