O vindeiro sábado, 19 de outubro, Carmen Delia (La Guiateca) guiará a ruta Auga e milagres no Ermo, en Barreiros. Os asistentes visitarán os arredores de Santo Estevo do Ermo e a súa cascada para coñecer a historia das súas augas e as crenzas milenarias entorno a elas.
E o domingo, día 20, Ana Pena (Guía Tu día) achegará aos participantes ao tesouro escondido de Alfoz, onde terá lugar unha visita teatralizada por Castrodouro, que rematará cun obradoiro de cestería.
Aínda quedan prazas dispoñibles para as actividades da vindeira fin de semana. O prezo será de 5 euros para individual; 8 euros para parella; 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros.
A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase a través da web de Turismo de A Mariña Lucense: https://amarinalucense.gal/es/a-marina-planes-con-corazon.
Rutas da pasada fin de semana
A xornada do sábado, guiada por Carmen Delia (La Guiateca) empezou en Ría de Abres, onde os asistentes recibiron información sobre a protección medioambiental que ten este rincón fluvial de Trabada, reserva da Biosfera da UNESCO, declarada en 2007, pero tamén zona húmida, de especial protección de aves (ZEPA).Mediante un paseo por este espazo ata a caseta de observación de aves, puideron ver algúns exemplares de ánade real. Ademais coñeceron a historia de Trabada e o patrimonio industrial do antigo ferrocarril de Villaodrid e visitaron na capitalidade do municipio o museo etnográfico aberto en 2021 adicado a Xosé Rocha, a persoa que recopilou elementos como ferramentas, obxectos de uso cotiá, e todo o referente á vida nas vilas galegas ata tempos recentes. E tiveron a oportunidade de degustar o prato típico de Trabada, que é a enfariñada.
Nesta ruta por Trabada participaron 18 persoas procedentes de Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Madrid, A Coruña, Tapia de Casariego, Oviedo e San Cibrao.
E o domingo tivo lugar o percorrido costeiro por San Tirso de Portocelo, en Xove, un enclave arqueolóxico único. Foi guiado por Boris Vilar de Rutas Galicia Norte e contando coa colaboración como embaixadora local de Lucía Sánchez Meitín, ao cargo do departamento de investigación social do Concello de Xove, que lles ensinou in situ as distintas intervencións arqueolóxicas levadas a cabo no castro da Punta Mexiluíde e nas ruinas da igrexa parroquial e antigo mosteiro de San Tirso de Portocelo, un lugar no que hai previstas futuras sondaxes e que se postula como un enclave moi especial debido, entre outros motivos, a ampla continuidade habitacional deste espazo. Despois achegáronse ata a Punta Roncadoira, para ver na ladeira e na cima do Monte Castelo distintas formacións graníticas con suxerentes formas e con identidade propia para a poboación local; que configuran unha paisaxe costeira auténtica e donde disfrutaron dunhas vistas fabulosas da franxa do litoral comprendida entre a Illa de Sarón e Estaca de Bares.
Á volta, na praia de Portocelo e para rematar a xornada, a panadería Maral de Xove ofreceu unha degustación de distintos productos como empanadas de polbo, mexillóns, atún e bacallao, pan de trigo do país e outra versión de trigo sarraceno e para finalizar un toque doce cun biscoito de noces e o clásico cun toque cítrico.
Vintetrés persoas acudiron a esta ruta chegadas desde Burela, Lugo, Xermade, Mera, Viveiro, Ribadeo, Lourenzá, Foz, A Coruña, Madrid e San Cibrao.
A Mariña. Plans con corazón. 16 rutas e visitas guiadas por 16 concellos, é un proxecto promovido pola Mancomunidade, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, que busca dinamizar a actividade turística na temporada de outono.