Site icon Crónica3.com A Mariña

As parroquias ribadenses reciben unha terceira limpeza

Ribadeo, 3 de outubro de 2024. Ribadeo aposta polas parroquias e acomete nelas a terceira limpeza. O alcalde, Dani Vega, subliña que agora hai unha maior coordinación e planificación do traballo.

O rexedor contou que “seguimos traballando e coidando as nosas parroquias. Estamos desbrozando todas e cada una delas. Hoxe podemos dicir que en moitas parroquias xa é a terceira limpeza que facemos, pero non chega con iso. É verdade que foi un ano certamente complexo, foi un ano no que medrou moitísimo a herba e foi moi complicado chegar tan rápido aos sitios como queríamos. Por iso, se temos que facelo, facémolo, pedimos disculpas porque non demos chegado tan rápido como queríamos a todas as parroquias”.

Vega dixo: “sendo coñecedores de que Ribadeo son 106 km², que son moitos quilómetros de estrada para limpar, pero hai que corrixir, hai que mellorar e perfeccionar certas cousas”.

O alcalde explicou que “agora temos tres tractores, dous do Concello e un da Xunta. E tamén agora cada tractorista ten a súa parroquia, é dicir a súa área perfectamente determinada para actuar. O que acontecía antes era que ao mellor se empezaba nunha parroquia e se cambiaba rapidamente, pois iso agora non vamos facelo. Vamos estar actuando nunha parroquia e salvo que haxa unha emerxencia que nos obrigue a modificar ou cambiar por algo, baixo ese parámetro da emerxencia nunca vai acontecer”.

Dani Vega sinalou que “vamos seguir con esa planificación de traballo, baixo a coordinación tamén coas asociacións de veciños, que eles saben perfectamente como está a parroquia, e se algo non queda ben ou hai que actuar de emerxencia, xa nos chaman e xa coordinamos todo o traballo”.

O rexedor insistiu: “polo tanto coordinación, planificación e baixo os parámetros da seguridade, que iso sempre repetimos que é fundamental, porque nas estradas convive o tráfico rodado coas persoas que practican deporte ou simplemente queren pasear polas estradas do rural, e debe haber un espazo de seguridade, que para nosoutros é importantísimo”.

E engadiu: “seguimos traballando, seguimos coidando as nosas parroquias e o fundamental, a coordinación entre o Concello e os veciños e os parámetros de seguridade. Iso é o que debe facer e o que fai calquera Concello e en Ribadeo creo que nestes momentos podemos dicir que temos as parroquias máis coidadas e mellor planificado o traballo no día a día”.

Exit mobile version