O rexedor indicou que “seguimos traballando, seguimos investindo para mellorar as nosas infraestruturas. Neste caso falamos da estrada da costa, cunha inversión de 370.000 euros. Nos próximos días darán comezo as obras, xa están adxudicadas e teñen máis ou menos un prazo aproximado de 2 meses”.
Vega dixo: “entendemos que é unha estrada fundamental, que vertebra todas as parroquias da costa, que nos une co concello de San Cosme de Barreiros e desde logo tamén temos que entender que a estrada da costa é un axente mobilizador do turismo, potencia, sen lugar a dúbidas, a economía e da servizo a todas as nosas praias”.
O alcalde criticou “anos de abandono, anos de falta de inversión” e subliñou que “neste primeiro ano tomamos a decisión conxuntamente cos técnicos do Concello de investir todo o Plan Único, 370.000 euros. Claro, é unha decisión que, se non hai unha capacidade de xestión en paralelo, é imposible porque non podes detraer esa inversión doutros puntos do Concello. Pero non foi así, xestionamos 315.000 euros por parte da Xunta, onde estamos actuando tamén en Remourelle, en Santalla de Vilaousende e en Ove. Son tamén melloras nas infraestruturas que nos comunican entre todos”.
Dani Vega cre que “hai unha boa inversión nestes momentos, son 685.000 euros no Plan Avanza Rural e nos próximos meses tamén traballaremos para seguir investindo e mellorando”.
O alcalde indicou que “nos próximos días comezarán as obras na estrada da costa, sempre hai certas molestias, pedimos disculpas, pero hai que entender que para mellorar as cousas as obras teñen uns tempos, aproximadamente esta levaranos 2 meses, pero sen lugar a dúbidas ese ancho de 4,50 vai mellorar toda esta estrada, que é fundamental e prioritaria para o Concello de Ribadeo”.