O punto máis crítico nesta situación é a falta dun especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT), unha figura fundamental para atender o alumnado con necesidades educativas especiais. A ANPA denuncia que, “a pesar de que a inspección de Lugo enviou un informe favorable a Santiago, avalando esta necesidade, non se recibiu ningunha resposta oficial ata o momento”.
A comunidade educativa considera inaceptable a falta de reacción por parte das autoridades, e subliñan que as declaracións do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no Parlamento de Galicia, non fixeron máis que empeorar a situación. Na súa intervención do pasado mércores, o Conselleiro afirmou que este ano o posto de PT fora substituído por unha especialista en Audición e Linguaxe (AL), argumentando que o ano pasado a PT só atendía a un alumno.
Ante estas declaracións, as familias do centro tachan estas palabras de “faltar á verdade”. “Xa tiñamos unha especialista en Audición e Linguaxe o ano pasado”, subliñan, aclarando que a figura de AL non substitúe a PT, pois atende a outro tipo de necesidades educativas. Ademais, insisten en que “o curso pasado a PT atendía a máis dun alumno, polo que o conselleiro debería informarse mellor antes de facer ese tipo de afirmacións públicas”.
Ademais, a ANPA critica tamén as afirmacións do Conselleiro respecto ao cumprimento progresivo do acordo de agrupamentos. Este acordo, firmado polas autoridades educativas, comprometíase a unha reorganización das aulas con agrupamentos de diferentes ciclos. Non obstante, a Xunta de Galicia está a incumprir este compromiso, aplicando unha interpretación “progresiva” que non respecta a literalidade do acordo asinado. Esta actuación é contraria á postura dos sindicatos asinantes, que xa manifestaron o seu desacordo con esta interpretación, pois “o acordo non indica que se aplique de forma progresiva no caso dos centros con agrupamentos de diferentes ciclos, como agora pretende impoñer a Consellería”.
Esta manipulación da realidade por parte da Consellería, segundo a ANPA, está a xerar unha gran frustración entre as familias, que consideran que o centro educativo “está a ser discriminado en comparación con outros centros galegos onde se están a cumprir os acordos asinados ou se tomaron medidas correctivas de maneira rápida”.
Ante esta situación, a ANPA convocou unha nova concentración para o vindeiro luns ás 9:30 da mañá, fronte ao colexio, co obxectivo de reclamar unha resposta inmediata por parte da Xunta. De non obter solucións inmediatas, “as familias están decididas a iniciar unha folga indefinida, deixando de enviar os seus fillos ao colexio”, indican desde o colectivo.
As familias consideran esta medida extrema como a única forma de presionar ás autoridades para que atendan dunha vez por todas as necesidades educativas dun centro que, segundo elas, está a ser abandonado de forma inxustificable. “Non queremos máis excusas nin datos erróneos, queremos solucións reais para os nosos nenos e nenas”, conclúen.