En Rinlo, prestaron especial atención a identificar as rochas predominantes na zona: cuarcitas e lousas duns 500 millóns de anos de antigüidade, a súa disitnta resposta á erosión e como debido ás numerosas fallas deron orixe a unha costa con moitos entrantes e saíntes que os rinlegos souberon aproveitar para construír non só un pequeno porto antrópico, que foi porto baleeiro, senón tamén as cetáreas onde criaron marisco boa parte do século pasado. Tamén apreciaron os famosos “ollos”, formacións singulares que coinciden coa intersección de importantes fallas no terreo.
A continuación, na praia das Catedrais, o obxectivo era descubrir as distintas etapas do cantil. Puideron comprobar como todo comeza con fracturas que constitúen puntos de debilidade nos cales a abrasión mariña acaba por formar primeiramente pequenas covas que se van agrandanado ata formar túneis rochosos, ollos e finalmente arcos que representan a fase máis evolucionada do cantil e que fan que esta praia sexa recoñecida internacionalmente pola sua beleza.
O alumnado participou e disfrutou dunha clase distinta, cun día espléndido e cun gran xeólogo. E tamén houbo tempo para reflexionar sobre os perigos do turismo masivo e sobre a necesidade de ser respetuosos co medio sen querer deixar pegada en cada lugar visitado. Polo tanto, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, agradécelle ó Concello de Ribadeo e a Fran Canosa a súa colaboración para poder facer esta actividade e agardan que sirva para que tanto o alumnado ribadense coma o da Bretaña francesa sexa quen de valorar e divulgar o patrimonio xeolóxico.