Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfoz optimiza o Servizo de Axuda no Fogar

A alcaldesa Efigenia Maseda anunciou ademais a celebración do Festival da Terceira Idade, o domingo 13 de outubro, que este ano chega á XXX edición

Alfoz, 1 de outubro de 2024. O Concello de Alfoz, dirixido pola alcaldesa Efigenia Maseda, continúa a súa folla de ruta para mellorar a calidade dos servizos sociais, cumprindo así un dos compromisos do programa de goberno de VIA Alfoz. Unha das accións clave foi a recente revisión de todos os expedientes dos usuarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de libre concorrencia. Este proceso permitiu axustar as horas de atención de forma equitativa, adaptándose ás necesidades reais de cada usuario, mellorando a eficiencia do servizo e garantindo unha atención máis personalizada.

A alcaldesa Efigenia Maseda, que ten asumidas as competencias dos servizos sociais municipais, explicou que este traballo é fundamental para asegurar que os veciños reciben o servizo que precisan. “A nosa responsabilidade é ofrecer un servizo máis eficiente e de maior calidade. Coa revisión dos expedientes, aseguramos que os usuarios reciben a atención que realmente necesitan, diminuíndo as listas de agarda e mellorando a cobertura”, afirmou Maseda. Esta medida enmárcase dentro do compromiso de VIA Alfoz de optimizar os servizos sociais para garantir o benestar dun dos sectores máis vulnerables da poboación, as persoas os maiores.

Un dos elementos clave nesta mellora foi o incremento das horas de traballo das auxiliares do SAF, que agora traballan a xornada completa. Isto permitiu ampliar a capacidade de atención do servizo, permitindo tamén incorporar novos usuarios que antes estaban na lista de agarda. “Este é un dos compromisos que presentamos no noso programa de goberno e que estamos cumprindo durante esta lexislatura, seguindo a nosa folla de ruta para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Alfoz”, engadiu a alcaldesa, quen indica que “ademais, estanse a realizar os trámites oportunos para solicitarlle á Xunta aumento de horas para dependencia”.

Con este avance, o Concello de Alfoz non só incrementa o número de horas dispoñibles para o SAF, senón que asegura un servizo máis xusto e eficiente. Esta reestruturación do servizo fai posible que os usuarios teñan acceso á atención que realmente necesitan, ao mesmo tempo que se optimizan os recursos dispoñibles.

Efigenia Maseda informou destas medidas tomadas desde a alcaldía na última reunión da Dirección Executiva de VIA Alfoz, “reafirmando o seu compromiso de seguir traballando para que o SAF e outros servizos sociais sigan avanzando cara a unha atención máis eficiente, equitativa e adaptada ás necesidades reais dos seus usuarios”, indican desde a Executiva. Esta medida reforza o compromiso coa mellora continua da calidade de vida dos veciños e veciñas de Alfoz, unha das principais prioridades da administración local.

ANUNCIO DO XXX FESTIVAL DA TERCEIRA IDADE

A alcaldesa tamén anunciou que o vindeiro domingo, 13 de outubro, terá lugar o “XXX FESTIVAL DA TERCEIRA IDADE”. O evento, que é gratuíto desde que VIA Alfoz asumira as competencias de Servizos Sociais no 2015, baixo a dirección da entón concelleira Carmen Geada, está organizado para todas as persoas maiores de 65 anos ou pensionistas empadroadas no Concello de Alfoz, quen poderán ir acompañadas dos seus cónxuxes.

Os actos comezarán ás 13:00 horas cunha misa na Igrexa Parroquial de San Pedro de Mor, seguida dunha comida de confraternidade no Pavillón Municipal de Alfoz. Durante a súa intervención, a alcaldesa Efigenia Maceda quixo destacar o valor do traballo realizado polos maiores do concello ao longo da súa vida, “este festival é unha oportunidade para recoñecer e agradecer a contribución dos nosos maiores ao desenvolvemento de Alfoz. Eles son un pilar fundamental da nosa sociedade, e este evento é unha pequena mostra de gratitude polo seu esforzo”, sinalou.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse na Oficina de Servizos Sociais do Concello ata o vindeiro venres, 4 de outubro de 2024.

Exit mobile version