O responsable autonómico resalta a presenza propia do sector a través do stand da Consellería do Mar no que participan como coexpositores 16 empresas do sector da transformación da comunidade
Nesta liña, o titular de Mar destacou que a inversión en internacionalización medrou respecto ao 2023 ao redor dun 30% o que mostra o compromiso do Goberno galego para cunha industria que o ano pasado bateu un novo récord en exportacións roldando os 2.800 millóns de euros. Un respaldo que tamén se viu reflectido en Conxemar, en cuxa organización colabora a Consellería do Mar cunha aportación plurianual de 1,21 millóns de euros que ademais tivo presenza propia cun stand no que participaron como coexpositoras 16 empresas do sector da transformación de produtos pesqueiros da comunidade, cunha inversión que supera os 220.000 euros.
Tamén puxo en valor a diversidade da cadea mar-industria galega na que coexisten grandes empresas, líderes nacionais e internacionais, como pequenas e medianas empresas ás cales a Xunta tamén destina apoios específicos grazas aos cales se desenvolveron 380 iniciativas por valor de máis de 200 millóns de euros no período do fondo Femp 2016-2023. Alfonso Villares tamén aproveitou estas xornadas para desenvolver unha intensa axenda de contactos cos responsables das empresas e abordar con eles a situación do sector e estudar futuras accións que sirvan de resposta as súas necesidades da forma máis axeitada. O obxectivo é seguir facendo de Galicia a maior potencia pesqueira de Europa e motor económico e de emprego de calidade para a comunidade.
Contactos internacionais
O responsable autonómica vén de celebrar un importante número de contactos con terceiros países nos que abordou posibles liñas de colaboración no ámbito marítimo e pesqueiro á vez que reforzar a defensa dos intereses galegos na zona. Así mantivo o pasado luns unha reunión co co ministro de Pesca y Recursos Mariños de Namibia, Derek James Klazen, e outra coa delegación arxentina encabezada presidente da Cámara Arxentina Patagónica de Industrias Pesqueiras (CAPIP), Agustín de la Fuente. A estas sumouse o encontro coa ministra de Pesca y Recursos Mariños de Angola, Carmen do Sacramento Neto, e co responsable do Porto de Lorient, na Bretaña francesa, , Oliver Le Nézet.
Nova oportunidade perdida
O conselleiro do Mar amosou a súa decepción polo posicionamento manifestado polo ministro de Agricultura, Pesca e Innovación, Luis Planas, reiterando a súa negativa a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros xustificándose na orixe “multifactorial” do descenso do consumo. Así, recalcou que “non hai maior xordo que quen non que oír” o que é un “clamor” en todo o sector. “Resulta frustrante o seu inmobilismo neste asunto, mantendo unha postura incongruente respecto a outros alimentos e obviando o aval desta medida por parte de organismos independentes e institucións comunitarias”. Deste xeito tamén reclamou ao Goberno central que “escoite máis e impoña menos” a un sector estratéxico para Galicia.