Site icon Crónica3.com A Mariña

“Admirando aos misioneiros”, mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo do DOMUND 2024

Din que, nestes tempos de horas baixas, a acción social da Igrexa e dos misioneiros son as que máis cotas de popularidade contan con respecto ao quefacer total da Igrexa. Sen dúbida, estes dous ámbitos da acción eclesial son admirados e valorados por propios e alleos. O día do DOMUND, que celebramos este domingo, é precisamente unha boa ocasión para agradecer e reflexionar xuntos sobre a vida e a obra dos nosos misioneiros.

Hai uns días, na prensa local, aparecía unha entrevista moi interesante con Miguel Garaizabal. É un dos doce misioneiros cos que conta a nosa Igrexa diocesana de Mondoñedo-Ferrol. A súa vida desenvolveuse practicamente en Tailandia, onde leva case sesenta anos. El, como todos os demais, vive o seu día a día no medio da xente. Abandonou no seu momento a súa casa e o seu ambiente por unha chamada a algo diferente. Non se trataba de buscar aventuras, nin de ter experiencias diferentes, nin de viaxar por un consumo efémero de cousas novas… O que quería, no fondo, era compartir cos demais a paixón e o fogo interior que ardía no seu corazón e que daba sentido á súa vida. Ese horizonte de existencia que posuía a forza suficiente para renovar e transformar o mundo.

Desde o meu punto de vista isto é o máis xenuíno e admirable que fan os misioneiros: ir ao mundo enteiro, saír dos seus espazos de seguridade, para compartir con gozo a experiencia interior que supón vivir unha amizade profunda con Xesús. O que lles fai admirables é a súa paixón por comunicar o que levan dentro, por edificar unha vida desde ese horizonte de esperanza e de sentido. O que lles fai atractivos é que a súa experiencia de felicidade e salvación ofrécena a todos como proposta de plenitude de vida para que todos se sentan tamén convocados polo único e auténtico protagonista.

Ese é o significado do lema que leva este ano o DOMUND: “Ide e convidade a todos ao banquete”. É urxente ir e saír, pero é necesario tamén facer a proposta de vida boa. Porque a vida cristiá, que é a proposta que levan os misioneiros, é a experiencia de participar nun banquete de vodas onde Deus quere facer Alianza de amor con cada un de nós.

As misións hoxe xa non están só fóra das nosas fronteiras. A realidade que vivimos fai que nos situemos tamén en país de misión. Non é necesario saír fóra para evanxelizar. Vivimos tempos de misión, ou mellor, a misión é sempre permanente e o quefacer da nosa Igrexa. A nosa sociedade non é cristiá, aínda que haxa elementos que culturalmente nos falen de aspectos e elementos cristiáns. Por iso, hoxe falamos da urxencia do “primeiro anuncio” como un momento que provoque un proceso de coñecemento e procura.
Os nosos misioneiros axúdannos e provócannos nesta situación que vivimos. Eles saíron. Tamén convidaron a algo grande. E compartiron a experiencia fundante das súas vidas. E fixérono desde un horizonte comunitario e eclesial. Quizais estas claves sexan as que podamos admirar e imitar deles neste día do DOMUND como ensino e compromiso.

O voso irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version