Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo pon a dispor dos seus asociados e asociadas novos materiais gratuítos para hostalería

Ribadeo, 11 de outubro de 2024. Acisa Ribadeo pon a disposición dos seus asociados e asociadas novos materiais gratuítos para hostalería. Trátase de envases de comida e de bebida para levar.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “Acisa pon un ano mais novos materiais gratuítos a disposición dos seus socios e socias. Nesta ocasión trátase de bolsas para as botellas de viño, envases de comida para levar e vasos térmicos para cafés ou infusións. Desde Acisa quixemos repetir este esforzo especial para poder axudarlle á hostalería pensando na campaña de Nadal e no vindeiro ano e facémolo tentando aforrarlles custes no seu día a día. Por este motivo poñemos á súa disposición envases de comida para levar e vasos térmicos. Son materiais moi empregados e demandados durante todo o ano”.

O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, subliñou que “estamos a falar de 1.000 bolsas para botellas de viño, de 12.000 envases de comida para levar nun tamaño de 1.900 cl en aluminio e que se poden empregar no microondas, e 4.000 vasos térmicos para café ou infusións. Aqueles establecementos hostaleiros que precisen estes materiais poden pasar a recollelos durante todo o ano pola oficina de Acisa”.

Pérez Prada indicou que “o investimento realizado está preto dos 4.000 euros que podemos realizar con fondos propios e con cargo ao convenio anual asinado co Concello de Ribadeo. Facemos un esforzo moi importante desde Acisa para dotar aos nosos asociados deste material de xeito totalmente gratuíto, porque creemos e temos acreditada a súa gran utilidade e por iso priorizamos estas accións na nosa programación. Entendemos que estamos diante dunha grande vantaxe para que os novos negocios que deciden instalarse en Ribadeo valoren o feito de asociarse a Acisa”.

Cruzado Iglesias sinalou que “tamén haberá materiais gratuítos para o comercio, que presentaremos proximamente. Por estas e outras moitas razóns calquera momento pode resultar idóneo para formar parte da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, desde a que prestamos asesoramento aos negocios locais adheridos e desde a que organizamos moitas campañas ao longo de todo o ano, para a hostalería, para o comercio e para os servizos co obxectivo claro de dinamizar estes sectores e a economía local. Canta mais xente se achegue a Ribadeo ao longo do ano, non so en tempada alta, mellor nos irá a todas e todos”.

A presidenta de Acisa anunciou que “estamos a poñer en marcha unha nova campaña de captación de socios. Queremos que os comercios, os locais hostaleiros, as industrias, os autónomos, os hoteis e os servizos se integren en Acisa. Cantos máis sexamos máis actividades poderemos organizar e máis forza teremos diante das administracións. Somos a asociación máis numerosa de toda a provincia de Lugo e iso é unha grande responsabilidade para esta directiva e esta xerencia. Queremos ser máis e niso tamén estamos a traballar neste momento”.

Merca no teu comercio

Dende Acisa Ribadeo “anímamos a toda a veciñanza e visitantes a participar na segunda edición da campaña Merca no teu comercio, que organizan a Federación Galega de Comercio e a Xunta e coa que colaboramos desde Acisa. Comezou onte e van sortear 11.000 euros en premios, repartidos en 50 vales de 200€, para as compras realizadas entre o 10 e o 30 de outubro en establecementos asociados de toda a provincia de Lugo, no caso de Ribadeo só nos asociados a Acisa. Participar é moi sinxelo, o cliente realiza a compra, rexístraa na páxina web www.mercanoteucomerciolugo.com e garda o seu tícket”.

Exit mobile version