Foron 16 os locais hostaleiros que ofreceron pratos especiais, racións e tapas para render homenaxe á veciña ás Asturias e aos centos de persoas que cada fin de semana se achegan a Ribadeo a facer as súas compras e a gozar da súa gastronomía.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, comentou: “queremos dar as grazas aos establecementos participantes nesta sétima edición das xornadas Asturias en Ribadeo, así como a todas as persoas que esta fin de semana saborearon todas as propostas que puideron atopar nos nosos bares, mesóns e restaurantes. Esta cita é xa un clásico na programación anual das actividades de Acisa, que seguiremos mantendo na nosa axenda”.
Tamén esta fin de semana os máis pequenos da casa foron os protagonistas dunha nova edición do Trick or Treat organizado por Kids&Us e por Acisa. A actividade destinada a nenas e nenos de 3 a 9 anos, tivo lugar o sábado pola mañá, co obxectivo “de pasar unhas horas diferentes visitando o comercio local asociado. É moi importante concienciar desde a infancia aos futuros compradores da importante que ten apostar polos negocios locais. Os pobos teñen vida grazas ás súas empresas e aos seus emprendedores”, subliñou o xerente de Acisa, Jesús Pérez.