Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta solta dous exemplares de píllara das dunas na praia de Altar

Barreiros, 1 de outubro de 2024. Técnicos da Xunta e da Universidade de Santiago de Compostela soltaron hoxe dous exemplares de píllara das dunas na praia de Altar, en Barreiros, o último lugar no que constaba a súa presencia de forma natural antes de desaparecer da costa lucense hai oito anos.

O acto, no que participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, enmárcase no plan de conservación da especie que está a desenvolver a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a súa recuperación pois trátase dunha ave clasificada como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. De feito, esta solta engádese a outra anterior, do pasado mes de agosto, na que se liberaron outros dous exemplares neste mesmo lugar.

Todos estes exemplares foron criados en catividade no Centro de recuperación de fauna silvestre que a Xunta de Galicia ten en Oleiros (A Coruña) a partir de ovos recollidos na natureza. De feito, o plan de conservación na costa de Ferrolterra xa está dando como resultado a existencia dalgúns exemplares xa asentados na zona.

No caso de Lugo o plan está a ser desenvolvido polo Servizo de Patrimonio Natural xunto con Jesús Domínguez e María Vidal, profesor titular e técnica superior de investigación, respectivamente, do departamento de Zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Os ovos recóllense na primavera e incúbanse no centro de recuperación, onde nacen as crías e pasan algo máis dun mes. A esperanza media de vida é de 3 ou 4 anos e a etapa reprodutiva comeza aproximadamente ao cumprir o primeiro ano.

Características

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) é unha ave limícola de pequeno tamaño, de entre 150 e 175 milímetros de lonxitude. A poboación española sitúase maioritariamente na costa mediterránea e en Andalucía, mentres que a poboación da costa cántabro-atlántica do norte foi desaparecendo ata atoparse unicamente nalgunhas zonas de Galicia.

Esta poboación galega nidifica principalmente entre marzo e xullo en praias non urbanizadas, polo menos non en toda a súa extensión, e provistas de cordón dunar ou supramareal con vexetación máis ou menos dispersa. No período invernal (entre setembro e febreiro) a súa distribución é máis ampla, e ocupa ademais zonas do intermareal lamacento-areoso e praias urbanas.

As principais ameazas para estas aves son a predación por parte doutras especies ou a destrución e alteración dos seus hábitats pola acción humana, como construcións á beira das praias, tráfico de vehículos ou a limpeza mecanizada dos areais, entre outras, así como cuestións naturais como a suba do nivel do mar.

Exit mobile version