Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta remata a mellora do firme de 28 quilómetros da vía LU-530 entre Castroverde, Baleira e A Fonsagrada, á que destinou 1,2 M€

O delegado territorial, Javier Arias, explica que a actuación executouse en dous treitos da estrada, o que une as travesías de Castroverde e O Cádavo e o que transcorre entre A Lastra e A Fonsagrada 

Baleira, 7 de outubro de 2024. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a rematar a obra de mellora do firme en 28 quilómetros da estrada autonómica LU-530 ao seu paso polos concellos de Castroverde, Baleira e A Fonsagrada. O contrato foi adxudicado en xuño e o investimento ronda os 1,2 millóns de euros.

A intervención serviu para acondicionar dous treitos da vía: os 8,78 quilómetros que separan as travesías de Castroverde e O Cádavo (Baleira) e a conexión de 19,34 quilómetros entre A Lastra (Baleira) e A Fonsagrada.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou hoxe os traballos na travesía do Cádavo, que finalizarán previsiblemente esta semana. Deste xeito quedará completada a renovación do pavimento en todo o tramo acondicionado, para continuar agora co repintado da sinalización horizontal nas zonas obxecto da mellora.

As obras centráronse na rehabilitación da calzada nos puntos nos que estaba deteriorada. Para iso realizáronse fresados localizados e reposición do firme con mestura bituminosa a carril completo.

Arias lembrou que no ano 2019 tamén se acondicionou a capa de rodaxe da travesía de Castroverde. Con esta nova actuación, afirmou, mellóranse as condicións da vía e a seguridade dos usuarios.

Por último, o delegado explicou que esta obra forma parte dun contrato cun orzamento global de 2,4 millóns de euros para mellorar tres estradas autonómicas ao seu paso pola provincia de Lugo. Ademais da LU-530, inclúe tramos da LU-122 na Pastoriza e Riotorto e da LU-113 en Castro de Rei e Cospeito.

Exit mobile version