O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que se retirarán árbores caídas e se despexará a canle para permitir que as augas circulen con fluidez
Lourenzá, 25 de outubro de 2024. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza en treitos interurbanos dos ríos Baos e Batán, no concello de Lourenzá.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que no río Baos comezaron onte os traballos, que está previsto finalizar o 29 de outubro. Do día 30 ao 5 de novembro está previsto intervir no río Batán, no mesmo municipio.
As accións programadas consisten na retirada de árbores caídas na canle e outros traballos de acondicionamento para despexar o curso fluvial de posibles elementos que o obstrúan e facilitar a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.
O obxectivo final é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.