Corresponden a cinco exemplares de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), dos cales catro foron recollidos en Xove e o quinto en Ribeira
Os catro exemplares localizados en Xove foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Veral, en Lugo, e o de Ribeira ao de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade. As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor.
A notificación destes focos, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, sen ningunha outra afectación noutras especies avícolas, non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional con respecto ao comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Medidas de prevención sanitaria
A valoración de risco de influenza aviaria a nivel do Estado tampouco sufriu variación respecto aos meses anteriores, ao non tomarse medidas adicionais respecto ás que xa estaban en vigor desde maio de 2023. Na data actual mantéñense unicamente en Galicia certas medidas de prevención sanitaria nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á denominada Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).
Porén, e dada a importancia do sector avícola na nosa Comunidade, cómpre continuar implementando as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos Servizos Veterinarios Oficiais.