Os municipios beneficiarios son Monforte de Lemos, Carballedo, Quiroga, Cervantes, Navia de Suarna, Burela, Portomarín, O Incio e Guntín
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que acaba de resolverse unha nova orde de axudas plurianual cofinanciada con fondos Feder, que permitirá cubrir ata o 80% dos gastos nestas actuacións.
As entidades locais beneficiarias acometerán obras en locais destinados a diferentes usos. Así, Monforte de Lemos e Burela prevén actuar nas súas respectivas casas da cultura; Cervantes e Quiroga nos edificios consistoriais; Carballedo no consistorio e no multiusos; Navia de Suarna no polideportivo; O Incio nun inmoble dotacional; Portomarín na Casa do Médico e Guntín na casa cuartel.
Os fondos servirán para acondicionar envolventes térmicas, illamentos en cubertas e fachadas ou renovación de carpinterías exteriores por outras con mellores características. Tamén son subvencionables as obras para dotar de iluminación eficiente o interior dos edificios; e para instalar climatización e calefacción, que poderán incluír fontes de enerxía renovable.
O obxectivo é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027. Búscase tamén facilitarlles aos concellos galegos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais.