Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta continúa coas melloras no albergue xuvenil de Area, en Viveiro

Lugo, 14 de outubro de 2024.- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinará preto de 13.000 euros a unha nova intervención no albergue xuvenil de Area, en Viveiro, co fin de corrixir deficiencias detectadas nos baños das instalacións.

Esta actuación súmase a outras que o Goberno autonómico executou nos últimos anos para a renovación integral do complexo e que supuxeron un investimento de preto de 650.000 euros. Os traballos incluíron a renovación completa do mobiliario, o cambio das ventás e das carpinterías exteriores, ou o cambio da cuberta de lousa para mellorar a eficiencia enerxética e as condicións de confort interior, entre outros.

A adecuación do albergue xuvenil permite que a instalación desenvolva durante os meses de abril e maio actividades de lecer e aprendizaxe non formal dentro do programa Primavera Xove, e que durante o verán se acolla tamén á oferta de campamentos que pon en marcha a Xunta.

O campamento de verán de Area é tradicionalmente un dos máis demandados e ofrece aos participantes a oportunidade de desfrutar de actividades como vela, windsurf, wakeboard, kayak, snorquel, paddelsurf, cometas de tracción, volei praia ou aula de natureza mariña.

Exit mobile version