Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta avoga por concienciar aos máis novos sobre o coidado da natureza para garantir un bo estado de conservación dos hábitats e da biodiversidade

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou a lagoa de Cospeito con alumnado do CPI Virxe do Monte con motivo do Día mundial das aves migratorias

Cospeito, 11 de outubro de 2024. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avogou hoxe por concienciar aos máis novos sobre o coidado da natureza para garantir un bo estado de conservación dos hábitats e da biodiversidade.

Durante unha visita que realizou con alumnado do CPI Virxe do Monte á lagoa de Cospeito, con motivo do Día mundial das aves migratorias, que se celebra o día 12 de outubro, Ángeles Vázquez incidiu en que a mocidade pode converterse nun verdadeiro aliado, no presente e no futuro, para o coidado dos valores naturais, da flora e da fauna da Comunidade.

Nesa liña, a conselleira salientou a importancia de que os máis novos coñezan a riqueza do patrimonio natural galego e puxo como exemplo a lagoa de Cospeito, que é unha das zonas húmidas máis importantes da Comunidade tanto pola súa superficie (19 hectáreas) como polo gran número de especies de flora e fauna protexidas que alberga. Así, por exemplo, poden observarse máis de 150 especies de aves entre as que se atopan o lavanco real, a cerceta real, o mergullón pequeno, o rascón común e a galiñola.

Ademais, segundo indicou Ángeles Vázquez entre os meses de outubro e marzo é cando se pode observar a maior cantidade de fauna na lagoa coa chegada de aves procedentes do norte de Europa, como a avefría.

De feito, para garantir a preservación deste espazo natural, que está declarado Zona de Especial Protección (ZEC) dentro da Rede Natura 2000, a Xunta levou a cabo a restauración ecolóxica do humidal no marco do Proxecto Mil Ríos. A actuación, que supuxo un investimento de preto de 450.000 euros, completouse o pasado mes de decembro e consistiu, entre outras cuestións, na recuperación do bosque de ribeira, coa retirada de árbores mortas, caídas ou enfermas do río Guisande; na eliminación de especies exóticas invasoras, e na mellora do campo visual dos observatorios a través da corta de arborado e desbroce da vexetación existente no campo visual dos miradoiros.

A maiores, tamén se renovou o pavimento exterior do centro de interpretación, colocáronse morróns para evitar o acceso de vehículos á lagoa, restauráronse os camiños e substituíronse os paneis informativos.

Inventario de zonas húmidas de Galicia

A lagoa de Cospeito é unha das 650 zonas húmidas incluídas no inventario elaborado pola Xunta e no que se recolle o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo existentes en Galicia. O seu obxectivo é promover a conservación e posta en valor destes espazos naturais que contan cunha notable riqueza de flora e fauna, destacando taxons ameazados e hábitats prioritarios.

Nese senso cómpre lembrar que Galicia é a cuarta comunidade española —por detrás de Andalucía, Valencia e Castela A Mancha— con máis humidais incluídos na listaxe Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo e do que gozan 6 zonas húmidas galegas: a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Exit mobile version