Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta avalía co sector pesqueiro as accións executadas e estuda a identificación de novas necesidades susceptibles de ser recollidas en novas medidas

A Consellería do Mar leva comprometidos máis de 50 millóns de euros en axudas directas, medidas de apoio económico e planificación do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo de Galicia

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu hoxe un novo encontro con representantes das Federacións de Confrarías de Pescadores para avaliar a aplicación do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia e analizar posibles novas necesidades do sector susceptibles de ser recollidas en próximas actuacións.

O responsable autonómico, acompañado polo equipo directivo da Consellería do Mar, puxo en valor que a Xunta xa leva mobilizados máis de 50 millóns de euros en axudas directas, medidas de apoio económico e planificación recollidas no plan dotado con 123 millóns de euros. Cifras que para o titular de Mar reflicten o avanzado grao de execución dos compromisos alcanzados cos máximos representantes do sector pesqueiro.

Nesta liña, destacou as achegas autonómicas de carácter extraordinario para profesionais e entidades sectoriais, ás dirixidas ás paradas temporais da actividade extractiva, á xestión integral dos recursos biolóxicos mariños, á protección e recuperación da biodiversidade dos ecosistemas ou os proxectos de planificación, adecuación e mellora das zonas de produción.

Así puxo en valor tamén o desenvolvemento de importantes proxectos de investigación mariña a través dos centros de investigación dependentes da Consellería do Mar como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) ou o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, así como a través da plataforma Redemar e as universidades galegas co obxectivo de afondar na sostibilidade da actividade pesqueira na comunidade.

Reunións periódicas

Esta nova reunión esta enmarcada nas xuntanzas periódicas co sector no marco da cogobernanza da xestión pesqueira e marisqueira na comunidade co obxectivo de analizar as medidas en curso así como as pendentes de execución de cara o novo exercicio orzamentario no que a Consellería de Mar contará con 220 millóns de euros, un 2,9% máis que no 2024. Uns recursos que permitirán afondar nas políticas de apoio á actividade extractiva e reforzar as actuacións de apoio postas en marcha durante este ano.

Exit mobile version