O Valadouro, 9 de outubro de 2024. A Xunta de Galicia apoia a Feira do Mel do Valadouro, que se celebrará o vindeiro sábado, día 12, reunindo postos de venda e unha variada oferta de actividades na Praza de Santa María e as rúas da localidade. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación e destacou “o impulso que supón para a apicultura na comarca, fomentando unha ocupación tradicional que complementa a economía de moitas familias”.
A feira, que alcanza xa a súa trixésimo sétima edición, comezará ás 10,00 horas; inclúe unha exposición de colmeas decoradas polo alumnado dos colexios Santa María do Valadouro e Castro de Ouro de Alfoz, e outra cos debuxos dos escolares que concorreron ao concurso para a elección do cartel anunciador.
Tamén acollerá un obradoiro de elaboración de velas e unha sesión de contacontos a cargo do grupo Trémola. No apartado gastronómico, haberá degustación de castañas, filloas con mel e outros produtos, e os ciclos de Hostalería do IES de Foz estarán presente cunha foodtruck na que ofrecerán, entre as súas especialidades, café ou eco-cócteis.