No encontro con representantes da frota analizáronse as dificultades actuais na xestión da cota de sardiña polo que se vai a estudar a proposta de solicitar ao Goberno central a agrupación dos topes diarios en dous semanais
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2024. O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, mantivo un encontro con representantes da frota do cerco galega para abordar asuntos de interese para o sector enmarcado no modelo de cogobernanza da xestión pesqueira da Administración autonómica.
Na xuntanza acordouse formalizar un grupo de traballo no que analizar a situación actual e avanzar no ámbito da mellora da extracción e da comercialización co obxectivo de obter o maior valor engadido das cotas dispoñibles. O obxectivo é adecuar a propia xestión da frota cara un modelo máis competitivo e sostible.
Por outra banda, se analizou as dificultades actuais na xestión da cota de sardiña polo que se vai a proceder ao estudo da proposta de solicitar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a agrupación dos topes diarios en dous semanais. Ademais, tamén se vai a examinar unha mellor ordenación da pesqueira da sardiña para o ano 2025, a fin de exhaustivizar o aproveitamento da cota en termos económicos.
Esta reunión está enmarcada no traballo que vén realizando o Goberno galego nos últimos meses no cambio da determinación destas posibilidades de pesca, fundamentais para este sector. Así, a Consellería do Mar o pasado mes de setembro remitiu unha carta á Secretaría General de Pesca, competente na materia, para que elevase a petición á Comisión Europea, para que se producise un adianto do 5% da cota prevista para o ano 2025, co galo de empregala entre os meses de setembro e outubro deste ano.
Por outro lado, fíxose unha petición semellante para a cota de anchoa do Cantábrico, a empregar no mes de setembro, de forma que a aparición de bancos desta especie puidesen ser aproveitados de forma conveniente. A maiores, tamén foi demandado un posible intercambio con Portugal das cotas sobrantes de cabala e xurelo por sardiña e anchoa.