Lugo, 17 de outubro de 2024. A deputada de Cultura Iria Castro e o alcalde de Ribadeo Daniel Vega abordaron a colaboración que a área provincial mantén co Concello nunha reunión mantida esta mañá no Pazo de San Marcos.
No acto, asinouse o convenio relativo ao Ribadeo Indiano, que na edición deste ano contou cunha achega de 20.000 euros, destinados, dacordo coa memoria que presentou o Concello, ao financiamento da programación musical do evento, que pon en valor e dá a coñecer a forte pegada histórica e cultural en Ribadeo da emigración a América de finais do século XIX e comezos do XX.
Na xuntanza, na que participaron as concelleiras de Comercio e Turismo Marta Saiz e a concelleira de Benestar Social Elena Sierra, tamén se abordou a marcha do proxecto de reforma do Forte de San Damián, que conta cunha achega de 150.000 euros, distribuídas en dúas anualidades, cun investimento de 60.000 euros en 2023 e de 90.000 euros en 2024.
Iria Castro amosou “a disposición da área de Cultura a seguir colaborando co Concello de Ribadeo, ao igual que se fai co resto de concellos da provincia, a partir de propostas axustadas ao orzamento da área de Cultura, tendo en conta que os concellos dispoñen do Plan Deputación para financiar as actuacións que consideren” e lembrou que “o Concello de Ribadeo ten asignados nesta anualidade 453.000 euros”
Por outra parte, a deputada de Cultura expuxo ás representantes municipais fórmulas de colaboración coas programacións culturais do Concello, a través dos circuítos musicais e teatrais impulsados pola área de Cultura.