Criticou que a Xunta de Galicia se atribúa fondos que son transferidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación
A subdelegada informou de que o BOE publicou o real decreto aprobado no Consello de Ministros a pasada semana, que recolle as bases reguladoras das axudas de 23 millóns de euros ao sector gandeiro español para compensar os gastos ocasionados pola Enfermidade Hemorrágica Epizoótica (EHE), financiar o Programa nacional de erradicación da tuberculose bovina e a compra de vacinas contra o serotipo 8 da lingua azul.
No caso de Galicia, as axudas para paliar os danos ocasionados ás explotacións pola EHE ascenden a 2,8 millóns de euros, que representan a metade dos 5,6 millóns anunciados pola Consellería de Medio Rural para as granxas afectadas. A subdelegada reiterou “a importancia de manter unha lealdade institucional e transparencia para remar todas as administracións a favor e en beneficio das gandeiras e gandeiros galegos”.
Nesta mesma liña engadiu que, pese a que a sanidade animal é unha competencia exclusiva das comunidades autónomas, o ministerio que dirixe Luis Planas decidiu reforzar con fondos estatais as axudas ás explotacións gandeiras para mobilizar máis de 30 millóns de euros no conxunto do país.
Finalidade das axudas
As axudas irán destinadas a compensar polas perdas de animais, pola desinsectación das explotacións e polos gastos veterinarios incorridos polo gandeiro para loitar contra esta enfermidade, entre os que se inclúen os desembolsos para a adquisición de vacinas para aqueles gandeiros que decidan voluntariamente utilizala.
Desta forma, o Goberno cumpre co seu compromiso anunciado no Foro Nacional da Gandería Extensiva, celebrado en Toledo en maio, de poñer en marcha un programa nacional de apoio económico aos gandeiros afectados pola EHE, unha enfermidade que chegou a España en 2022 e tivo un importante impacto no gando vacún na maior parte do país desde entón.
Para combatela, o Ministerio de Agricultura comprometeuse tamén a traballar coas empresas farmacéuticas, para poñer ao dispor do sector unha vacina eficaz. O impulso do Goberno permitiu que esta vacina estea dispoñible desde o pasado mes de agosto e se poida utilizar de maneira voluntaria.