Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada do Goberno en Lugo apela á unidade fronte ao negacionismo machista e defende as políticas de igualdade como dique de contención da violencia contra as mulleres

A subdelegada destacou o compromiso do Goberno coa prevención da violencia machista a través do Pacto de Estado, que deixou nesta última convocatoria máis de 240.000 euros nos concellos lucenses

Lugo, 23 de outubro de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inaugurou esta mañá as xornadas organizadas pola asociación ALAR, destinadas a abordar a violencia de xénero desde unha perspectiva multidisciplinar. O evento contou coa participación do delegado da Xunta en Lugo, a concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e o director de ALAR Galicia, ademais de numerosos expertos e profesionais na materia.

Durante o seu discurso, a subdelegada subliñou a importancia destas xornadas na loita contra un dos principais problemas da nosa sociedade: a violencia machista. “Este é un tema que nos interpela a todos e todas, non só ás vítimas. Non se trata dun problema individual ou privado, senón dunha cuestión social que debemos afrontar unidos, sen caer nas falacias das argumentacións negacionistas”, afirmou.

Rodríguez lembrou os arrepiantes datos aportados polo Ministerio de Igualdade, que este ano xa confirmou 38 mulleres asasinadas por violencia de xénero en España, elevando o número total desde 2003 a 1282. Así mesmo, mencionou o crecente número de menores que quedaron orfos por este motivo, 26 no que vai de 2024 e 459 desde 2013.

A subdelegada lamentou que a provincia de Lugo non sexa allea a esta problemática estrutural, destacando que actualmente hai 793 casos activos no Sistema VioGén de protección ás vítimas de violencia de xénero. Agradeceu o esforzo das forzas e corpos de seguridade do Estado, así como o dos profesionais do ámbito xurídico, psicolóxico, laboral e social que traballan en rede para ofrecer unha resposta rápida e coordinada ás vítimas.

Ademais, Rodríguez fixo un chamamento á unidade de todas as institucións e a sociedade para seguir avanzando na defensa dos valores igualitarios e as políticas feministas. “Non podemos permitir dar nin un paso atrás. A violencia machista é unha violación dos dereitos humanos e un ataque directo á igualdade”, sentenciou.

Finalmente, a subdelegada destacou o compromiso do Goberno de España na loita contra a violencia de xénero, lembrando que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado en 2017, permitiu implementar diversas medidas neste ámbito. Neste último ano, os concellos da provincia de Lugo recibiron máis de 240.000 euros do Pacto de Estado para mellorar os recursos e servizos de atención ás vítimas.

“Estamos aquí porque compartimos un obxectivo común: construír unha sociedade libre de violencia, onde todas as mulleres poidan vivir sen medo e en igualdade”, concluíu a subdelegada.

Exit mobile version