O Presidente vén de asinar coa presidenta do colectivo un convenio por importe de 5.000€ para axudar a sufragar os gastos correntes da asociación. Unha cantidade que se suma aos máis de 160.000€ que achegou a institución provincial nos últimos anos para o funcionamento desta entidade e ás melloras da súa sede situada en Celeiro
Tomé Roca explicou que o compromiso da institución provincial con ASPANANE “é moi grande”. “Nos últimos anos colaboramos coa Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro cun investimento moi importante que se traduciu en reformas e melloras do seu centro ocupacional situado en Celeiro; en achegas para colaborar cos seus gastos correntes e tamén en continuas colaboracións para a realización de talleres, compra de material e diferentes iniciativas encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos seus usuarios e usuarias”. Un compromiso do que Tomé Roca asegurou sentirse “moi orgulloso”.
“As políticas sociais son un dos piares da nosa acción de Goberno, dicímolo sempre e demostrámolo con feitos, asinando convenios coma este ou apostando por unha rede de residencias propias”, valorou Tomé Roca. Detallou que a Deputación destina ás políticas sociais un terzo dos Orzamentos, 38M€ este ano, “un esforzo enorme co que suplimos as carencias da Xunta, que é quen ten as competencias”.