Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación invita en Xantar a coñecer unha provincia que ofrece experiencias enogastronómicas únicas

O espazo da institución provincial neste evento ofrece cada día especialidades e produtos de diferentes concellos como butelo da Fonsagrada, pan de Antas de Ulla, fabas de Lourenzá con porco celta ou galiña de Mos

Lugo, 26 de outubro de 2024. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participaron este sábado no Día da Provincia do 25º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 2024, que exhibe estes días e ata o domingo en Ourense a calidade gastronómica e turística de Galicia.

Un ano máis, a Deputación de Lugo conta cunha destacada presenza neste evento internacional, a través dun espazo propio cun expositor desde o que se ofrecen cada día especialidades enogastronómicas únicas dos diferentes concellos da provincia.

“A historia deixounos pratos propios como o butelo e receitas singulares coma as dos nosos queixos. A innovación permitiunos recuperar a viticultura heroica da Ribeira Sacra para sentar os nosos viños no simposio das grandes denominacións de orixe do mundo”, destacou García Porto durante a súa intervención, explicando que na provincia de Lugo “non temos por que escoller”, porque “Lugo ten de todo”.

Sinalaba que “non hai palabras suficientemente elocuentes como para facer xustiza á realidade da oferta turística da nosa provincia”, poñendo en valor unha oferta “cunha variedade enorme no paisaxístico, no gastronómico e no monumental”. E convidou aos asistentes a Xantar a visitar a provincia de Lugo, onde “levamos anos apostando por un modelo de turismo de calidade, sostible e non masificado”.

Hoxe, o expositor da Deputación ofrece pan e queixo de Antas de Ulla e butelo e pastel da Fonsagrada. Mañá será a quenda dos produtos de Negueira de Muñiz e xa pasaron por este espazo outros pratos e produtos gastronómicos de concellos como o Valadouro, Alfoz e Lourenzá.

Exit mobile version