Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inviste 541.000€ para continuar mellorando as infraestruturas da provincia e dotar de novos servizos á veciñanza

A Xunta de Goberno aprobou tres convenios para acondicionar o local municipal de Cabanón, en Meira; para optimizar o abastecemento de auga en dous núcleos de Cervantes; e para poñer en funcionamento unha gasolineira en Ribeira de Piquín

Lugo, 25 de outubro de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres tres investimentos por importe de 541.000€ para continuar mellorando as infraestruturas da provincia e dotar de máis e mellores servizos á veciñanza. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que explicou que entre outras cuestións deuse luz verde a tres convenios de colaboración por un importe conxunto de case 336.000€ para os Concellos de Meira e Cervantes e a Fundación Terreo en Ribeira de Piquín.

No caso de Meira, o acordo de colaboración coa institución provincial ascende a case 130.000€ para realizar obras de mellora no local municipal Cabanón, situado na praza do convento do municipio. O proxecto inclúe o acondicionamento integral deste edificio no que se realizan diferentes actividades lúdicas, culturais e deportivas. A Deputación achega preto do 94% -121.527,56€- e o Concello o 6% restante -6.655€-.

“Esta actuación beneficiará directamente aos veciños e veciñas de Meira, pois grazas a estas obras optimizarase o confort da instalación e garantirase que o espazo sexa máis acolledor e accesible para desenvolver diversas iniciativas”, destacou Pablo Rivera.

Tamén se lle deu o visto bo a un convenio de colaboración co Concello de Cervantes por un importe total de case 96.000€. Este acordo permitirá acometer melloras de abastecemento de auga na aldea de Piornedo e no núcleo de Vilarguite, na parroquia de Vilapún. O importe que destina a institución provincial representa o 95% do orzamento total -91.097,10€-, mentres que o Concello asume o 5% restante -4.794,58€-.

Nesta liña, Pablo Rivera recalcou que “a día de hoxe, estas zonas non contan con rede de abastecemento municipal e a traída privada que dá servizo á veciñanza presenta numerosas deficiencias e escaseza de auga en períodos estivais. Con este acordo dotarase a ambos núcleos de abastecemento de auga potable e realizaranse os correspondentes traballos de captación necesarios para facelo posible”.
A Deputación tamén aprobou un convenio coa Fundación Terreo, de Ribeira de Piquín, a través do cal a institución provincial achega 110.000€ para a posta en funcionamento dunha gasolineira situada no núcleo de Barcia desta localidade.

“Trátase dun proxecto que, non só dotará de máis servizos a esta localidade, senón que tamén creará emprego e dinamizará a actividade económica do noso rural, unha cuestión fundamental para poder fixar poboación no territorio”. O Deputado remarcou que “con esta achega” a Deputación continua colaboración coa Fundación Terreo e sinalou que “o orzamento vaise dividir en dúas anualidades e permitirá entre outras cuestións: alugar as instalacións, adaptalas á normativa vixente e contratar a xornada completa o persoal necesario para atender este servizo”.

Camión 4×4 con caixa basculante e quitaneves

Por outra banda, en relación ás estradas e co fin de garantir a seguridade e a mobilidade na rede viaria provincial a Xunta de Goberno adxudicou por algo máis de 205.000€ a contratación dun camión 4×4 con caixa basculante e quitaneves para o parque móbil da Deputación. A empresa adxudicataria é Infonorte Tecnología S.L. e o prazo de entrega é de 60 días naturais.

Exit mobile version