Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inviste 200.000€ na mellora da estrada provincial que vai dende o Barrio Novo ata a Praia de Coto, no concello de Barreiros

Na reunión deste venres, tamén se aprobou un acordo co municipio de Lourenzá para financiar un programa cultural e de lecer nos meses de verán, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares

Lugo, 18 de outubro de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar este venres a adxudicación das obras de mellora en tres estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Barreiros e Pantón, cun investimento que ascende a preto 400.000€. Así o avanzou tras a reunión celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen sinalou que estas novas obras “forman parte do esforzo inversor da institución por seguir mellorando no conxunto da provincia a rede viaria provincial”, a máis extensa de todas as Deputacións de España con máis de 4200 quilómetros, e tres veces maior ca da propia Xunta de Galicia en Lugo.

En concreto, na reunión deste venres saíu adiante a adxudicación á empresa Grupo Bascuas 2008 SL, por máis de 200.000€, das obras para mellorar o firme de algo máis de dous quilómetros da vía LU-P-0611, que vai dende o Barrio Novo ata a Praia de Coto, no concello de Barreiros. Os traballos que se realizarán desde o inicio da estrada, teñen un prazo de execución de 2 meses, e consistirán na reapertura de cunetas, a limpeza da drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización horizontal e vertical.

“Esta estrada é moi importante porque parte da N-634, é dicir, da estrada xeral, ó pé do tanatorio, e remata na praia de Coto na vía que vertebra a costa. É unha das vías máis transitadas para acudir ás praias e que soporta un elevado número de tráfico, sobre todo nos meses de verán”, detallou Rivera Capón.

No caso do concello de Pantón, a Xunta de Goberno sacou adiante a adxudicación do acondicionamento de dúas vías provinciais por un importe conxunto que ascende e preto de 155.000€. Trátase da LU-P-4107, que une Segade coa aldea de Marce, e o arranxo realizarase dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 4,5 cun orzamento de case 87.000€; e destinaranse preto de 68.000€ á mellora da LU-P-4106, que vai desde a zona do Carme ata Curro para acondicionar algo máis de 6 quilómetros desde o inicio desta vía. O prazo de execución é de dous meses.

As obras, das que se encargará a empresa Fevisa Vías y Obras SL, teñen un prazo de execución de dous meses, e consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de afundimentos e a repavimentación do firme.

Licitadas 1.600 toneladas de sal para a rede provincial

A Xunta de Goberno aprobou este venres a licitación dun contrato para o subministro de 1.600 toneladas de sal para a rede provincial de estradas por un importe de preto de 250.000€. Esta medida pretende dotar de fundentes os 12 silos que a Deputación de Lugo ten por toda a provincia para as campañas do 2025 ao 2027 co fin de afrontar as inclemencias propias do inverno, garantindo así a circulación e a seguridade nas vías. O Deputado de Promoción Económica e Social explicou, que ademais de atender as estradas provinciais, “a Deputación tamén facilita sal no inverno aos concellos que así o solicitan cando lles resulta necesario”.

Convenio co Concello de Lourenzá

Por outra banda, na reunión desta mañá saíu adiante un acordo co municipio de Lourenzá para financiar o programa Actividades de Dinamización Infantil Tempo de Lecer. A institución provincial destinará 25.000€ á entidade local para desenvolver durante os meses de xuño, xullo e agosto un amplo e variado programa cultural e de lecer, co obxectivo “de facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares, pois permitirá ao concello lourenzá ofrecer 258 prazas para os máis pequenos da casa” explicou Pablo Rivera.
Outros asuntos

Ademais, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse unha addenda de modificación no convenio de colaboración co concello da Pontenova para a compra dun camión recolector compactador de residuos, que inclúe un anticipo do 10 % sobre un orzamento total de 160.000 € para axilizar o proceso. Tamén, saíu adiante a licitación do contrato de subministro de papel de fibra virxe, necesario para os distintos departamentos provinciais, cun orzamento de 13.000 €, e un ano de duración sen posibilidade de prórroga.

Exit mobile version