Con esta actuación, as beneficiarias recibirán gratuitamente servizos de información, orientación e asesoría xurídica en relación coa violencia de xénero, o emprego, axudas, así como alfabetización e promoción de redes de socialización
José Tomé destacou que “a muller do rural xoga un papel fundamental na vida e economía familiar, aínda que en moitas ocasións ese traballo non recibe o recoñecemento que merece”. Por este motivo, resaltou que a colaboración da institución provincial con FADEMUR resulta fundamental “para apoiar e visibilizar mellor a imaxe das mulleres rurais, atendendo con estas accións as necesidades ás que se enfrontan no seu día a día”, afirmou o mandatario provincial.
O Empoderamento da Muller Rural é un programa que inclúe varios servizos que abordan necesidades específicas, como a información e orientación gratuita sobre temas relevantes como a violencia de xénero, emprego, axudas e subvencións. Ademais, o programa presta un servizo de alfabetización dirixido a mulleres, que se desenvolverá a través de sesións grupais. O contido formativo abarcará habilidades lectoras e escritas, comprensión lectora e alfabetización dixital, incluíndo o uso de internet e dispositivos móbiles.
Ademais, tamén se levarán a cabo actividades para fortalecer as redes de socialización das mulleres maiores, xa que os cambios da vida como a xubilación e as perdas emocionais reducen os seus contactos sociais e aumentan o risco de illamento e soidade, o cal está relacionado con problemas de saúde física e mental. Haberá ao longo deste ano 2024 seis sesións en grupos de 8 a 10 mulleres e estarán dirixidas por persoal cualificado. Abordarán temas como a autoestima, a saúde feminina e o crecemento persoal, promovendo o intercambio de ideas.
Empoderamento e apoio ás mulleres rurais
FADEMUR-Galicia, que agrupa 64 asociacións de mulleres rurais, traballa para apoiar a construcción de proxectos vitais das mulleres no rural. A Federación promove a a formación e mellora das habilidades das mulleres, a través de acompañamento en emprendemento, busca de emprego e asesoría sobre axudas.
Ademais, destina os seus esforzos a promover a vida social e o acceso a recursos educativos, incorporando a perspectiva de xénero nas súas iniciativas para combater a violencia e fomentar a participación na vida pública. As actividades incluidas no seu programa buscan empoderar e crear un entorno rural máis igualitario e dinámico.