O Presidente asinou este xoves coa presidenta da Mancomunidade e Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, o convenio de colaboración que permitirá reforzar a promoción da costa lucense e consolidar unha oferta diversificada ao longo de todo o ano
“Esta colaboración, que ten un carácter anual, pretende axudar a este xeodestino a dinamizarse economicamente cunha proposta de turismo sustentable”, valorou o mandatario provincial, para quen “a nosa costa é unha xoia e hai que desfrutala e conservala”. Explicou que grazas a esta achega económica realizáronse actividades como as Audioguías Ficcionadas ou as Rutas de Artesanía, dúas iniciativas con moi boa acollida e que precisamente o carácter deste convenio é “aportar diversificación e desestacionalización para que o turismo deste territorio teña menos impacto e sexa máis sostible”.
Un modelo de turismo que, en palabras de José Tomé, “é polo que apostamos tamén na propia Deputación. O turismo no que cremos e que fomentamos a través de diferentes iniciativas como esta é un turismo de proximidade, de experiencias, de calidade e sostible”.
A través deste convenio, A Mariña poderá continuar apostando por actividades como a que está desenvolvendo estas semanas no territorio baixo o título de A Mariña, Planes con corazón. Unha iniciativa que consiste nun programa de rutas guiadas a pé polos 16 concellos que conforman o territorio desfrutando do entorno natural, a historia, etnografía, a gastronomía e a artesanía local.