“Desde a institución provincial sentimos un compromiso profundo con este tipo de proxectos”, destacou Carmela López, “porque sabemos que a saúde mental debe ser unha prioridade real e efectiva”
“Desde a institución provincial sentimos un compromiso profundo con este tipo de proxectos”, destacou Carmela López, “porque sabemos que a saúde mental debe ser unha prioridade real e efectiva”. Valorou que “cando falamos de saúde mental, falamos de algo que nos afecta a todas as persoas e que require dun acompañamento próximo, sen prexuízos e con moita sensibilidade”.
Nese sentido, a Deputada fixo fincapé en que “a creación desta residencia significa que estamos poñendo as necesidades das persoas no centro” e valorou que os residentes do centro “van atopar apoio especializado” e ademais “empatía, respecto e un lugar onde ser eles mesmos”.
Lembrou que as políticas sociais da Deputación “son unha parte esencial do noso traballo, e unha boa proba diso é que dedicamos máis dun terzo no noso presuposto a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas desta provincia” e insistiu en que “non hai maior sinal de avance social que garantir que cada persoa, independentemente das súas circunstancias, teña acceso a un apoio adecuado e digno”.
Na inauguración desta nova residencia, que está situada na Praza do Souto de Cervo, acompañaron a Carmela López o Presidente de Saúde Mental A Mariña, Jorge Manchado; o Presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, José Ramón Girón García; e a Alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entre outras autoridades.
Asociación Saúde Mental A Mariña
Esta entidade nace no ano 1999 co obxectivo de dar atención de forma continuada ás persoas que padecen enfermidades mentais, na comarca mariñá, e as súas familias, que precisan do coñecemento de diferentes ferramentas para facer fronte a diversas situacións.
Esta residencia, situada no centro do municipio, atenderá a doentes de toda Galicia con trastorno mental persistente, que teñan entre os 18 e os 60 anos.