Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación colabora con Burela para acondicionar un local nas instalacións deportivas da Marosa

A Xunta de Goberno autorizou ao Concello mariñán a destinar preto de 50.000€ de remanentes dunha achega da institución provincial para mellorar o espazo que o SD Burela destina ao lavado, secado e almacenaxe da roupa deportiva

Lugo, 11 de outubro de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou autorizar ao Concello de Burela a destinar os remanentes dunha achega da institución provincial para acondicionar un pequeno local nas instalacións deportivas da Marosa. En concreto, a Deputación permite á administración local utilizar preto de 50.000€ derivados da reposición do campo de herba artificial en mellorar este espazo que o SD Burela destina ao lavado, secado e almacenaxe da roupa deportiva.

Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen explicou que esta achega é posible grazas aos remanentes doutra axuda para a reposición do campo de herba artificial. Os traballos neste local, que conta con preto de 35 metros cadrados, consistirán na demolición parcial e intervención na estrutura do local, mellora dos peches, renovación da cuberta, das instalacións eléctricas, alumeado e protección contra incendios, mellora dos revestimentos exteriores, interiores e acabados.

“Trátase dunha actuación moi importante, porque ademais do equipo sénior, que actualmente compite na Primeira Autonómica, o SD Burela ten diferentes equipos xogando en categorías infantís, cadetes, xuvenís e veteranos. Polo que dá servizo a moitísimas persoas e a moitísimos nenos e nenas da localidade”, valorou Rivera Capón.

Adxudicados os traballos na LU-P-5806

Adxudicados ademais os traballos para acondicionar un treito de algo máis de oito quilómetros na LU-P-5806 que une no Saviñao a parroquia de Freán coa estrada autonómica LU-617 pola parroquia de Diomondi. Resultou adxudicataria a empresa Fevisa Vías y Obras SL por un prezo de 100.430€.

As obras realizaranse desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 8,181. E consistirán na reapertura de cunetas, reparación de afundimentos e a repavimentación do firme. O prazo de execución desde o inicio dos traballos é de 2 meses.

Rivera Capón destacou que se trata “dun proxecto moi relevante para a zona, porque esta vía dá acceso a importantes recursos turísticos como a contorna de Belesar ou ao antigo palacio episcopal de Diomondi, que hoxe emprégase como un albergue de peregrinos ao seu paso pola ruta xacobea do Camiño de Inverno”. Un novo investimento que vén demostrar, con feitos e en palabras do Deputado, “o compromiso que temos na Deputación de Lugo coa mobilidade e o equilibrio territorial”.

Materiais para a Granxa Gayoso

A Xunta de Goberno adxudicou ademais o contrato do subministro de materiais de cama para o gando da Granxa Gayoso Castro da Deputación situada en Castro de Rei.

A empresa adxudicataria foi Galical Cales e Carbonatos Agrícolas SL, que por un importe de 31.900€ achegará durante un ano –coa opción de prorrogalo por outro máis- o material necesario para os cubículos dos animais da Granxa Experimental de Leite.

Polígono Industrial de Castroverde

Tamén quedou aprobada a adxudicación directa de dúas parcelas –a 28 e a 29- do polígono industrial de Castroverde. Estas parcelas foron vendidas, as dúas, por un total de máis de 65.000€. Deste xeito, son xa 12 os terreos vendidos neste espazo empresarial que conta cun total de 51 parcelas.

Exit mobile version