Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación apoia en Viveiro a VI edición de Superarte, un impulso á inclusión e diversidade

Lugo, 14 de outubro de 2024. O Deputado Francisco Cajoto participou na apertura desta mostra de teatro impulsada polo Concello viveirense que fomenta “valores fundamentais para a nosa sociedade” e que se desenvolverá ata o 20 de outubro

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este luns xunto a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, na inauguración da VI edición de Superarte. Na sala multiusos do Concello mariñán Francisco Cajoto sinalou que esta mostra de teatro impulsada polo Goberno local fomenta “valores fundamentais para a nosa sociedade que teñen que ver coa inclusión e a diversidade”.

“Superarte dá boa conta do fondo compromiso que este Goberno local ten coas políticas sociais”, valorou o Deputado sobre esta iniciativa, que este ano está dedicada ao Síndrome de Down. Aproveitou tamén para lembrar que “precisamente as políticas sociais son unha das prioridades do Goberno na Deputación de Lugo, ás que destinamos un terzo do noso orzamento”.

Esta edición de Superarte, que xa é “un sinal de identidade do Concello de Viveiro”, desenvolverase do 14 ao 20 de outubro no Teatro Pastor Díaz. A iniciativa contará ademais este ano cun taller de terapia con percusión para as persoas usuarias de Aspanane e para aqueles con outro tipo de diversidade funcional que queiran participar.

Exit mobile version