Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación laurentina aproba a proposta do BNG para crear un paseo fluvial ao carón do río Baos

A portavoz nacionalista Belén Fanego considera que esta obra será un importante aliciente para a actividade turística e económica

Lourenzá, 2 de outubro, 2024. Na sesión plenaria celebrada no día de ontes pola corporación municipal de Lourenzá aprobouse unha moción do BNG na que se propuxo a construcción dun paseo fluvial a carón do Río Baos.

Os nacionalistas consideran que o río é un recurso natural de gran valor para o concello e a súa contorna ofrece un potencial significativo para o desenvolvemento de actividades recreativas e turísticas. Neste sentido valoran tamén que a construcción deste paseo pode ir acompañada de iniciativas para a conservación do entorno natural, así como outras no ámbito da educación ambiental promovendo o coidado do río e a súa diversidade.
A proposta do BNG é que este proxecto se inicie entre a contorna da Ponte de Cuñas e o Pozo do Pombo xa que sería un aliciente máis para mellorar esta zona privilexiada de Lourenzá pola que tamén discorre a Ruta Literaria Fernández del Riego.

Un proxecto no que participe a veciñanza

Outra das propostas que recolle esta moción é que se faga partícipe deste proxecto ao conxunto dos veciños e veciñas e colectivos sociais para que poidan facer as súas achegas e trasladar as súas opinións, pois este proxecto debe ter continuidade no tempo, ao tratarse de actuacións a realizar a medio e longo prazo.

Solicitude de financiamento á Xunta

Na moción incluíuse tamén unha emenda do grupo de goberno para trasladar este acordo a todos os organismos implicados e con competencias na materia e pedir financiamento á Xunta.

Outros temas do pleno

Entre outros asuntos neste pleno, o BNG tamén lle fixo chegar ao equipo de goberno a necesidade dunha maior axilidade nos trámites do concello coma na concesión de permisos para obras ou o pago de subvencións e axudas a distintas asociacións, dado que se dilatan no tempo, provocándolles moitos problemas a estes colectivos para desenvolver as súas actividades.

Exit mobile version