Cervo, a 24 de outubro de 2024. A CIG-Industria informa que a asemblea de traballadores/as de Edyproga celebrada este xoves decidiu desconvocar a folga e as mobilizacións que se viñan realizando dende o pasado martes, tras as conversas mantidas no día de hoxe coa empresa. A dirección mostrou a súa disposición a manter ata final de ano o emprego dos 10 traballadores ameazados por unha regulación, a pesar da situación de incerteza actual xerada polos incumprimentos de Alcoa.
Ademais, a empresa comprométese a ofrecer cursos de formación en prevención de riscos laborais para que este persoal poida optar a outros tipos de traballos no futuro.
Así mesmo, establécese a creación dunha bolsa de emprego para os seis traballadores que foron despedidos recentemente, garantindo a súa prioridade para ser reincorporados en canto haxa carga de traballo suficiente.
Con todo, ante a proximidade da fin das garantías de emprego (que rematan a final deste ano xa que Alcoa non quixo extendelas na renegociación do acordo de febreiro de 2023), a CIG segue considerando que a mobilización é o único camiño para esixir a Alcoa o cumprimento das garantías laborais acordadas e para protexer o futuro de todo o persoal das auxiliares.
A CIG-Industria agradece o apoio e compromiso de todos os traballadores e traballadoras durante as mobilizacións que permitiron acadar este resultado.