Site icon Crónica3.com A Mariña

A Agrupación Cultural Francisco Lanza organizou unha viaxe a Compostela e deu comezo ás aulas de galego e de portugués neste novo curso

Ribadeo, 9 de outubro, 2024. Esta fin de semana pasada, a Agrupación Cultural Francisco Lanza organizou unha visita á Casa da Matanza, Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, e á catedral de Santiago. Vinte e catro persoas desprazáronse até Padrón e Compostela e puideron coñecer máis a fondo a Casa Museo de Rosalía de Castro e máis a catedral de Santiago. No templo compostelán visitaron o Pórtico da Gloria, o Museo catedralicio e as cubertas da catedral.

Por outra banda, nesta primeira semana de outubro comezaron de novo as aulas de galego e de portugués que imparte Dores Fernández Abel, profesora xubilada de Lingua e Literatura Galega, e tamén de portugués no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Quedan aínda prazas libres para poderse inscribir quen así o desexe.

Ademais, durante a estancia do alumnado do Lycée René Laennec, de Pont l’Abbe (Bretaña) aproveiouse para agasallalos cun exemplar do “Ribadeo antiguo” que se ven de reeditar. Cando as familias bretoas estiveron en Ribadeo, xa se agasallou ao concello de Loktudi cun exemplar da obra do insigne Francisco Lanza. Tanto na sala de lectura da Biblioteca Municipal de Loktudi, como na do Lycée René Lannac, de Pont l’Abbe, van poder coñecer un pouquiño máis da nosa historia.

Exit mobile version