O título desta exposición é: ‘Un percorrido polos cemiterios de Ribadeo a través do galego’
O propio sábado 19, ás 12 da mañá, será a inauguración, na compañía de música e poesía.
Na Agrupación Cultural Francisco Lanza levamos moito tempo percorrendo os nosos cemiterios para localizar aquelas lápidas que utilizan o noso idioma, tanto na información sobre a persoa que alí xace como nos epitafios, cando os hai.
Son arredor de 100 as lápidas que empregan o galego, moitas delas con epitafios de todo tipo, desde expresións de amor e lembranza a alusións ao carácter, profesión ou vocación. Na exposición non podemos recollelas todas, por iso escollemos aquelas que tiñan un epitafio diferente ou algunha característica especial.
Na Agrupación Cultural Francisco Lanza pensamos que a lingua dos mortos ten que ser a lingua do noso país, ou cando menos a que as persoas que alí moran falaban na súa vida. A lingua é unha parte moi importante das persoas, consubstancial a elas, e tamén é un feito colectivo. Por iso, do mesmo xeito que o facemos en vida, tamén nos cemiterios debemos usar o galego.
Título da exposición: Un percorrido polos cemiterios de Ribadeo a través do galego.
Lugar: Oficina de Turismo de Ribadeo.
Día e hora do acto de inauguración: Sábado 19 de outubro ás 12 da mañá.
Horario de visita: no horario de apertura da Oficina de Turismo.
Exposición aberta desde o sábado 19 de outubro até o domingo 3 de novembro.