Os cinco colectivos participantes son dos concellos de Meira, O Corgo, Abadín e Vilalba e iniciarán o percorrido desde a produtora de audiovisuais, o Mazo de Santa Comba ou a Granxa Gayoso Castro
A primeira ruta desta semana, que tivo lugar este mesmo martes, realizárona os membros da Asociación Cultural Airiños do Miño, de Meira, que iniciaron a viaxe na produtora do Servizo de Audiovisuais e posteriormente coñeceron a rectoral de Gundivós, un miradoiro sobre o Canón do Sil e unha adega de Amandi. Ademais, a Asociación Xuvenil, Cultural e Deportiva A Rumboia, do concello de Abadín, vai realizar este mesmo itinerario o xoves 31 de novembro.
O mércores, a Asociación de Veciños O Salgueiriño, do Corgo, iniciará o percorrido desde o Mazo de Santa Comba e continuará o itinerario ata a comarca de Mariña, na que visitarán a lonxa de Burela, o barco-museo boniteiro Reina del Carmen, a asociación de mariñeiros xubilados A Moncloa e as redeiras deste municipio. Nesta mesma xornada, os membros da Asociación Coral Polifónica, de Abadín, achegaranse ata a Granxa Gayoso Castro e logo desprazaranse ata A Mariña para visitar o miradoiro de San Roque, o casco antigo de Viveiro ou o Monumento Natural do Souto da Retorta.
Por último, o venres a Asociación de Nais e Pais de Alumnos/as do CEIP Monseivane, de Vilalba, porá o punto final ás rutas do mes de outubro partido da produtora do Servizo de Audiovisuais para despois descubrir os principais atractivos de Sober e Monforte de Lemos. Este itinerario inclúe unha ruta en catamarán e a visita a un miradoiro sobre o Canón do Sil e a unha igrexa románica.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.