Ribadeo, 3 de setembro de 2024. Este mes volven as actividades de SetembroXNatural: Baños de Mar e Froitos do Mar.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, adiantou este martes que “un ano máis, Ribadeo contará cunha nova edición de SetembroXNatural, un programa de actividades relacionadas co noso medio ambiente e que van dirixidas a un público familiar”.
A edil ribadense destacou “as actividades incluídas dentro de Baños de Mar e Froitos de Mar, que xiran arredor dalgún dos aproveitamentos más importantes das augas mariñas, que se fixeron no noso municipio. O mar como fonte de saúde e de vida, como xerador de recursos, como fío da nosa historia e como orixe da nosa riqueza. O mar como protagonista e nós como actores responsables”.
Saiz explicou que “Baños de Mar recordará a figura das canouras, pioneiras do noso turismo, a través de conferencias e visitas guiadas sobre o poder curativo das augas e o uso que delas se facía na nosa vila. Complementarán estas xornadas diversos actos lúdicos e musicais así como os baños de mar colectivos”.
A concelleira de Turismo seguiu a relatar: “pola súa parte, Froitos do Mar levaranos a Rinlo, onde se ofrecerá unha visita guiada polo seu litoral dende a confraría ata as cetarias na que se destacará o mérito do pobo de Rinlo, dende as súas orixes como porto baleeiro ata a actualidade, punto de referencia gastronómico polo seu percebe e a calidade dos seus restaurantes. Rinlo sempre soubo aproveitar as bondades da súa costa”.
E engadiu: “desfrutemos do noso setembro, do noso mar, da nosa terra e das actividades que, con moito respecto, coidado e agarimo, temos preparadas para o voso desfrute”.