Site icon Crónica3.com A Mariña

Volve o “Camiño Gastronómico do Mar” promocionando a Ruta Xacobea e o “Peixe de Burela”

Burela, 20 de setembro, 2024. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela organizan durante os meses de outubro e novembro a quinta edición do “Camiño Gastronómico do Mar”, unha iniciativa gastronómica que mantén o dobre obxectivo co que se lanzou hai xa cinco anos: fomentar o consumo de peixe e promocionar o “Camiño do Mar”.

A presentación oficial realizarase o vindeiro venres 11 de outubro no Salón de Actos de Armadores de Burela, coa presenza do Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares; acompañado por representantes de OPP Burela e da Asociación Amigos do Camiño do Mar. O acto será aberto ao público e nel tamén estarán representados os concellos polos que pasa o “Camiño do Mar” e as respectivas mancomunidades de municipios.

Precisamente o domingo seguinte, día 13 de outubro, iniciaranse os tramos de etapas do “Camiño Gastronómico do Mar”, que repite o mesmo formato e itinerarios do ano pasado: 7 fins de semana para percorrer en 7 xornadas os 15 concellos da costa norte de Galicia polos que pasa o “Camiño do Mar”, desde Ribadeo ata Neda.

Cada domingo, un tramo especial do “Camiño do Mar” para cruzar as comarcas da Mariña Lucense; Ortegal e Ferrolterra-Rías Altas, con roteiros a pé duns 15km cada un, para un máximo de 50 participantes que deben inscribirse previamente na web da asociación: www.asocaminodelmar.com/acciones/2024/camiño-gastronomico. As inscricións para tomar parte en cada xornada poden realizarse ata o xoves desa semana na web da asociación, ou ata cubrir o límite de prazas dispoñible.

Os participantes nesta edición poden lograr un triple premio: ao final de cada etapa ofrecerase a todos os participantes unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo dos chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrela Galicia e Cabreiroá. Ademais da satisfacción de pisar camiños milenarios e saborear a gastronomía do mar, os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar 2024” tamén poderán selar en cada concello o seu particular “Compostela”. E finalmente entre todos os peregrinos sortearase como premio final unha comida ou cea para dúas persoas no restaurante O Asador do Alba (Barreiros), socio da Asociación Cociñeiros Lugo.

Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.

Exit mobile version