A alcaldesa María Loureiro sinala que o servizo de Madrugadores “é absolutamente esencial a día de hoxe, posto que é un elemento clave para a conciliación da vida familiar e laboral”
Viveiro, 12 de setembro de 2024. O Concello de Viveiro denuncia que a Xunta non está garantindo o funcionamento do servizo de madrugadores nos centros educativos do municipio.
Diversas ANPAS e membros da dirección dos colexios públicos do municipio acudiron ao Concello de Viveiro para pedir a súa colaboración despois de que a Xunta de Galicia denegara as súas solicitudes de suvención para o servizo de madrugadores.
“O servizo de Madrugadores é absolutamente esencial a día de hoxe, posto que é un elemento clave para a conciliación da vida familiar e laboral”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
“Por esta razón, dito servizo non debería ir por subvención, debería estar garantido pola Xunta de Galicia a todos os colexios de Galicia, ao ser un servizo fundamental para as familias”, apunta a rexedora.
Esta situación “súmase á subida do prezo dos libros e da volta ao cole, chegando ao punto en que unha familia media con dous fillos ou fillas ten que empregar arredor de 1000€ neste tipo de gastos”, lembra.
“Dende o Concello reclamámoslle á Xunta que garanta o servizo de madrugadores nos colexios e que asuma as súas competencias en educación, xa que nos estamos vendo na obriga de investir en cuestións que non son da nosa responsabilidade”, sinala Loureiro.
“Basta xa de que os Concellos teñan que soportar cargas que non lles corresponden en detrimento das necesidades propias como o saneamento ou o urbanismo”, reclama.
No ano 2023 o Concello gastou un total de 366.224,18€ en concepto de luz, limpeza, salarios e seguridade social de conserxes, colaboración no servizo de madrugadores ou colaboración en autobuses para viaxes de estudios.
Outra parte desta cantidade foi tamén dirixida a mantemento, en caldeiras, pintura, carpintería, cristalería mantemento dos espazos verdes dos centros e mantemento de ascensores.
Ademais disto, o Concello cubre diversos gastos da gardería municipal Garabatos. No ano 2023 adicaronse a isto 185.304,79€, sufragando a Xuntade Galicia unha parte deles. Porén, a última cantidade recibida da Xunta para este fin, correspondente ao curso 2023-2024, foi de 83.906€, xa que os pagos non son realizados de xeito anual, senón por cursos.
“Estas cantidades debería ser asumida pola Xunta, que é quen ten competencia en educación, e non polo Concello, que se ve obrigado a facelo ao tratarse de cuestións esenciais”.