Amósase esperanzador co novo escenario que se abre para a pesca e a acuicultura comunitarias co nomeamento dun Comisario propio, e lamenta a falta de apoio do Goberno central que aínda non declarou as rías galegas zona catastrófica, que permitiría reforzar o apoio do Executivo galego
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, compareceu este martes no Parlamento de Galicia onde informou das previsións e liñas xerais de actuación do departamento que dirixe. Neste senso, o responsable autonómico trasladou o firme compromiso do Goberno galego co marisqueo, de tal xeito que, malia ser un dos sectores máis vulnerables da cadea mar-industria debido aos acaecementos meteorolóxicos do último trimestre do ano pasado, só conta co apoio da administración autonómica. Alfonso Villares cifrou así estas axudas en 40 millóns de euros que, enmarcadas no Plan de Competividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025, dan cobertura á mellora da resiliencia da produción deste sector.
Con esta iniciativa, a consellería asume a responsabilidade de afrontar a situación actual e futura en base ao traballo coordinado cos axentes implicados e da man do coñecemento científico; un modelo de traballo no que a produtividade e a competitividade son o único camiño cara a sostibilidade, e que se leva a cabo a través da escoita de todos os elos da cadea mar-industria galega, especialmente, as confrarías galegas e o Consello Galego de Pesca.
Medidas concretas
O titular de Mar detallou que se trata dun Plan aberto e sempre ao servizo do sector, co que se están a mobilizar máis de 123 millóns de euros a corto e medio prazo, procedentes tanto dos fondos propios como das axudas que veñen de Europa para recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros. A este respecto, avanzou que xa se habilitaron axudas para os mariscadores afectados pola paralización da actividade extractiva, a mellora dos seus equipamentos e infraestruturas, o apoio á diversificación de actividades, a formación e para contribuír a conservar e restaurar a biodiversidade e os ecosistemas mariños. Neste caso, destacan as medidas destinadas á vixilancia e protección, a asistencia técnica, así como á rexeneración das zonas danadas.
Silencio do Goberno central
Fronte a este apoio da Xunta e o silencio do Goberno central, Alfonso Villares volveu alzar a voz en defensa das familias que viven do mar, pois o Executivo nacional segue sen declarar as rías de Galicia como zonas afectadas gravemente por unha situación de emerxencia derivada dunha situación meteorolóxica adversa. Esta inacción, segundo explicou o conselleiro, impide que os afectados non conten con outras axudas para compensar as perdas económicas derivadas da mortaldade severa nas poboacións de bivalvos, cubrir a diminución do seus ingresos pola baixa produción rexistrada nos moluscos ou eximilos das cotas á Seguridade Social.
Novo ciclo na UE
O responsable autonómico amosouse esperanzador co novo marco político para a pesca e a acuicultura comunitarias, que vén marcado polo nomeamento dun Comisario específico de pesca. E é que este cambio, producido logo das eleccións de xuño, garantirá e protexerá tanto o benestar dos actores sociais que o compoñen, como a súa autonomía estratéxica, pois ata o de agora prevalecían os criterios ambientais por riba dos social e económico, poñendo en risco o futuro das comunidades pesqueiras. Segundo Villares, con este movemento, a pesca recupera a exclusividade e será unha das batallas centrais do bloque comunitario. Así, a produción primaria de alimentos e a soberanía alimentaria, tendo en conta a competitividade e non só a sostibiliade, a consecución dun level playing field e a necesidade de protexer os produtos europeos de notable actividade de competencia desleal, especialmente no eido do mar, ademais dunha revisión da PPC, que será a base para ter unha visión do sector cara o ano 2040, serán cuestións que repercutirán no impulso do sector.
Pola súa banda, dende Galicia continuarase o camiño emprendido hai anos con iniciativas como o Ditame do Consello Galego de Pesca sobre a Estratexia de Galicia e manteranse novos contactos coas autoridades pesqueiras de rexións como a Bretaña francesa, Dinamarca e Irlanda para alcanzar posicionamentos conxuntos con vista a amplialos a outras rexións pesqueiras europeas.