Site icon Crónica3.com A Mariña

Via Alfoz apoia as demandas da ANPA do CEIP Castro de Ouro

Alfoz, 21 de setembro de 2024. O Grupo Municipal de VIA Alfoz presentou unha moción, para debater no Pleno do vindeiro xoves 26, en apoio ás demandas da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro, que leva meses denunciando graves incumprimentos por parte da Consellería de Educación no que respecta ao correcto agrupamento do alumnado e á reposición do especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT).

Eliseo Lorenzo García, voceiro do Grupo Municipal de VIA Alfoz, declarou que “é inadmisible que o alumnado do noso colexio estea a sufrir as consecuencias dunha mala xestión por parte das autoridades educativas. O noso colexio non só precisa os recursos que lle corresponden, senón que se cumpran os acordos establecidos para garantir unha educación de calidade. Instamos á Xunta de Galicia a que rectifique de inmediato esta situación”.

Entre os problemas que afectan ao inicio do curso 24/25, destacan o incumprimento do decreto de agrupamentos escolares, publicado no DOG do 17 de xaneiro de 2024, e a falta dun especialista en Pedagoxía Terapéutica, imprescindible para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais.

A moción presentada por VIA Alfoz inclúe as seguintes peticións:
1. Expresar o apoio total ás demandas da ANPA e recoñecer a importancia de garantir recursos e persoal suficiente para unha educación de calidade.
2. Solicitar á Xunta de Galicia que cumpra o acordo de agrupamentos, respectando as disposicións oficiais e evitando a mestura inadecuada de alumnado de diferentes niveis.
3. Reclamar a reposición urxente da especialista en Pedagoxía Terapéutica no centro para que o alumnado con necesidades educativas especiais dispoña do apoio necesario.
4. Remitir a moción ás autoridades educativas competentes para o seu coñecemento e solución.

Con esta moción, VIA Alfoz subliña o seu compromiso coa defensa dos dereitos educativos dos máis pequenos e co desenvolvemento dun sistema educativo que sexa xusto e inclusivo.

Exit mobile version