Site icon Crónica3.com A Mariña

Terceiro posto para as Pícaras en Fafe

Tras dous partidos, sábado e domingo, ante SL Benfica e Nun’Álvares Futsal, as burelenses logran o terceiro posto na Copa Ibérica de Futsal Feminino, tras proclamarse campión o conxunto lisboeta

Burela, 2 de setembro, 2024. Disputado o primeiro título da tempada para nosas Pícaras esta fin de semana no Pavillón Multiúsos de Fafe, a segunda edición da Copa Ibérica de Futsal Feminino, na que se enfrontaron nun torneo ao mellor de catro xunto ao SL Benfica, que se proclamou vencedor, o Nun’Álvares Futsal, conxunto local, que logrou o segundo posto, e ante o Futsi Atlético Navalcarnero, cuarto clasificado no torneo.

Dous días de futsal que comezan co SL Benfica – Pescados Rubén Burela FS ás 17.00h (hora española), cun resultado final de 5-3 (A.P. 4-3) para o conxunto portugués e nun segundo partido ás 19.30h, das locais Nun’Álvares ante o Futsi, cun resultado final de 3-1 (A.P 7-6). O domingo ábrese a xornada co SL Benfica – Futsi Atlético Navalcarnero ás 17.00h cun resultado final 2-3 (A.P 3-2) e remata co Nun’Álvares Futsal – Pescados Rubén Burela FS ás 19.30h, finalizando cun 2-3 e sen rolda final de penaltis ao estar decidida a clasificación final sen empates.

O primeiro encontro do torneo para nosas pícaras, ante o SL Benfica, preséntase moi parello durante os 40 minutos. Abre o marcador Noelia Montoro no minuto 6 cun gol de rexeite, empatando o Benfica segundos despois da man de Ana Oliveira. No 15, a gran goleadora do torneo, Janice Silva, anota o 2-1 pola escuadra nunha contra e no minuto 20, a 6 segundos do descanso, Antía Pérez logra empatar o encontro cun golazo dun disparo lateral picándoa por encima da porteira. Tras o descanso, no 25, de novo Janice anota o 3-2 tamén picándoa esta vez por encima de Caridad nun cara a cara e cinco minutos de xogo despois Fifó anota o cuarto nunha situación similar á anterior. No 31 Patricia logra recortar distancias nun dobre disparo desde o segundo pau pero no 35 Inés Matos remata desde a área un disparo de Fifó tras un saque de corner que sentencia o 5-3 final. Gran partido de Ana Catarina que frustrou moitos dos intentos das nosas pícaras por sumar puntos.

No encontro do domingo, ante o Nun’Álvares as burelenses logran impoñerse durante case todo o encontro, levándose o partido pero non coa suficiente diferenza de goles como para gañar o torneo, necesitando unha diferenza 3 goles para o empate. Cun alto ritmo de xogo imposto polo Burela, sobre todo nos primeiros minutos do partido, abre o marcador Emilly na primeira parte coándolla á porteira cunha entrada polo chan na área aproveitando un atinado saque de banda. No minuto 20, a 24 segundos do descanso, Ana Pires métea en propia tras un lanzamento de Patricia e remate de Débora que nun principio non logra entrar na portería rival. Tras o descanso chega e 3-0 cun gol de Antía Pérez nun remate longo a portería baleira cunha puntería de 10. Cando todo parecía que podía poñerse de parte das laranxas para optar a ser vencedoras do torneo, Jana Godoi anota o 3-1 nunha xogada individual e o Burela vese lixeiramente frustrado nos próximos minutos ata o final do xogo. Presionando con Cami de porteira-xogadora desde o minuto 37 buscando ese tanto que podería levalas á cima, Antía comete a 6ª falta no minuto 38 e chega o 3-2 no dobre penalti para o conxunto local, deixando sen moitas opcións xa ao equipo mariñán que necesita dous goles para empatar en menos de 2 minutos.

Un disputado e competido torneo no que as nosas xogadoras puideron probarse como equipo ante os mellores conxuntos da península antes de comezar coas competicións oficiais. Un torneo de pretemporada que esperamos continúe crecendo cada ano.

Este sábado día 7 as Pícaras Campioas viaxarán a Barcelona para disputar o primeiro encontro de liga ante o Lainco Rubí FS ás 19.00 en La Llana.

Exit mobile version