Site icon Crónica3.com A Mariña

Silvia Rubal, Cristina Blanco, Risiana e Sofía renovan co Pescados Rubén Burela FS “B”

As dúas capitás, Silvia e Cristina, e Sofía xa xogaron no primeiro equipo do club mariñano en Primeira División, Cristina durante a pasada tempada 23/24

Burela, 12 de septembro, 2024. Silvia Rubal, Cristina Blanco, Risiana e Sofía, catro das xogadoras fundamentais do equipo filial do Pescados Rubén Burela FS, continuarán formando parte dun conxunto que se está consolidando de forma moi positiva baixo as directrices de Jairo Campo, que ademais tamén é coordinador da base feminina e adestrador do equipo xuvenil feminino do club laranxa. As catro xogadoras formaron parte do Pescados Rubén Burela “B” desde os seus inicios na pasada tempada 23/24, logrando empezar a conformar o seu palmarés no seu primeiro ano como equipo levándose a Copa Deputación e logrando o ascenso a Preferente Futgal. Todo un exemplo de bo facer, traballo e sacrificio durante unha longa e dura tempada.

Silvia Rubal (Burela, 1995), xogadora canteirá do club que xa xogou no primeiro equipo da tempada 2010 á 2014, fichando polo Diamante Rioja (tamén de 1ª División) na 2014/2015 que volve a Burela ata 2017, ano no que viaxa a Italia no que xoga en catro equipos, un por tempada, ata 2022. Comezando en segunda división no FiberPasta Chiaravalle, o Manfredonia 2000 e Dorica Torrette e rematando en primeira categoría no Città dei Falconara e no Calcio Padova. Para a tempada 22/23 volve a Galicia fichando polo FSF Castro e marchándose ao Villalba no mercado de inverno. Na 23/24 volve a Burela para ser adestradora de varios equipos da base, así como xogadora e primeira capitá do filial, o Pescados Rubén Burela FS “B”, que tamén axuda a crear, onde continuará xogando nesta 24/25 e adestrando ao equipo alevín feminino do club.

Cristina Blanco (Burela, 2001), tamén canteirá do club laranxa, xogadora e segunda capitá do Pescados Rubén Burela FS “B” así coma habitual no primeiro equipo durante a tempada pasada, sendo campioa de Supercopa e liga, tamén continuará sendo xogadora do filial nesta tempada 24/25 e como adestradora do equipo benjamín feminino.

Risiana (Cabo Verde, 2000), xogou anteriormente no equipo filial do club burelense, desde o 2014 ata o 2020, pasando tamén polo Villalba FS na tempada 2020-2021. O á-pivote continuará xogando no Pescados Rubén Burela FS “B” na tempada 24/25.

Sofía (Ribadeo, 2001), xogadora universal que se incorpora ao equipo filial do Burela tamén na pasada tempada, xa xogara tanto no primeiro equipo do Pescados Rubén Burela FS, ás ordes de Julio Delgado, como no filial do mesmo equipo, durante as tempadas 2016/2017 e 2017/2018. Nas 2019-2020 e 2020/2021 ficha polo Comarcal A Fervenza FSF e na 2021-2022 polo Rodiles Sport ata a súa volta ao Pescados Rubén Burela “B” onde continuará esta próxima tempada.

Moi contentos dende o club de poder contar coa experiencia destas catro xogadoras que xa conseguiron grandes logros na pasada tempada e esperamos continúen medrando e creando equipo.

Exit mobile version