Doural declarou que o evento funcionou: “ben, moi ben. Creo que foi todo un éxito. Unha das cousas fundamentais é que o tempo axudou aínda que as previsións eran bastante complicadas polo menos para o primeiro día. En relación á participación, non é que houbera un mogollón de xente, pero houbo sempre persoas alí que viñan porque estaban interesadas á hora de mirar para comprar algún vehículo… Todas as empresas participantes venderon coches e fixeron contactos. Nese caso os participantes estaban moi contentos”.
O presidente de Apaga anunciou que xa están pensando na segunda edición: “a principios do ano que ven faremos unha reunión para planificar a segunda feira. Non sei se vai ser nestas datas exactamente ou se buscarán outras novas. Ao mellor se cambia algo o formato porque este fíxose con bastante presa e non co tempo que necesitan estas cousas”.
Para Álvaro Doural o importante foi a participación de 6 empresas da zona e a acollida que tivo a I Feira do Automóbil celebrada en Ribadeo: “sorprendeu bastante a acollida e quizais o de sacar un evento deste tipo do centro do pobo fai que o persoal que vai sexa moito máis selectivo e moito máis centrado no que verdadeiramente é unha actividade destas, que era o que realmente se perseguía. Había certa preocupación por parte das empresas, que movera moita xente e non estivera controlada. Pero non, desenvolveuse todo con orde”.
O presidente de Apaga considera que “hai gañas de volver vivir a experiencia. Haberá que analizar tamén todas as cousas e ao mellor se poden incorporar algunhas novas. O sitio é perfecto e ofrece unas condición de visibilidade e de acollida perfectas”.